Obradoiro de empaquetado creativo de libros en Narón dirixido a maiores de 16

A Biblioteca de Narón colabora un ano máis coa campaña de recollida de xoguetes impulsada polo Concello e a Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón.

A edil responsable da área, Olga Ameneiro, recordou que o centro é un dos puntos de entrega de xoguetes e, a maiores, aportaranse libros para que os nenos das familias vulnerables poidan recibilos como agasallo. E co fin de entregalos nas mellores condicións, organizouse un obradoiro de empaquetado creativo dirixido a persoas maiores de 16 anos, que terá lugar os días 16 e 17 deste mes.

As persoas que desexen participar poderán facelo o luns 16, entre as 16:30 e as 19:00 horas e o martes 17 de 10:30 a 13:00 horas -o horario de entrada e saída é libre-, sen ser preciso inscribirse previamente, tal e como indicou a edil naronesa. A concelleira animou á cidadanía a participar nesta campaña solidaria de recollida de xoguetes, así como nas outras que se levarán a cabo este mes na cidade para recoller alimentos non perecedoiros e produtos de limpeza e hixiene para o Centro de Recursos Solidarios de Narón.

Os xoguetes e os libros que se recollerán para as familias vulnerables entregaranse os días 3 e 4 de xaneiro no Centro de Recursos Solidarios de Narón. Os menores de entre 0 e 14 anos recibirán dous xoguetes usados -deberán entregarse en boas condicións e, no caso de levar pilas, mellor con elas-, un xoguete novo, un libro e un peluche, en función das existencias.

Lea también

Club Arco Narón obtiene buenos resultados en la segunda edición del Torneo ‘Escolas Indoor’

En jornada matinal de este pasado domingo se celebró en el pavillón da Mocidade de …