O deputado de Deportes, Antonio Leira, asistiu na Malata ás probas que completan o Circuíto, que se celebraron tamén en Santiago e A Coruña durante este mes.
A II edición do Circuíto de Atletismo en Pista Deputación da Coruña rematou este domingo coa terceira xornada do evento, que se celebrou nas pistas de atletismo da Malata, en Ferrol. Arredor dun centenar de atletas menores de 14 anos, procedentes de clubs de toda a provincia, demostraron o seu talento e compromiso deportivo nas diferentes probas organizadas en categorías sub-10, sub-12 e sub-14.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, asistiu ao evento e destacou o éxito da convocatoria, subliñando que este circuíto é unha iniciativa clave para fomentar o atletismo base e ofrecer novas oportunidades á mocidade para participar en competicións oficiais. «É un orgullo ver tanto talento e ilusión nas nosas pistas, o que reflicte o bo traballo dos clubs e das familias que apoian este deporte. Este circuíto non só é unha competición, senón unha forma de reforzar os valores deportivos», afirmou.
Os participantes competiron en probas de velocidade, fondo, salto e lanzamento, entre outras disciplinas, nun ambiente marcado pola camaradería e o esforzo. Técnicos da Federación Galega de Atletismo (FGA) supervisaron todas as competicións, garantindo o cumprimento das normativas e a seguridade dos atletas. Os tres primeiros clasificados de cada categoría e modalidade recibiron trofeos como recoñecemento ao seu rendemento, destacando as boas marcas acadadas en varias probas.
Con esta proba de deporte e convivencia remata o Circuíto Deputación da Coruña 2024, que incluíu tamén probas nas cidades da Coruña e Santiago de Compostela durante este mes de decembro.
Resultados e clasificación final:
https://rfealive.me/Results/Schedule?chid=2024GAL61578