Achegar a tecnoloxía de impresión 3D e os conceptos STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) á educación infantil, primaria e secundaria formando ao profesorado, deseñando recursos didácticos adaptados e promovendo a participación activa do alumnado e das súas familias en todo o proceso.
Este é o principal obxectivo do proxecto Polos en Marcha que lidera a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), Elena Arce Fariña, e financia, integramente, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, no marco da Convocatoria de Axudas para o Fomento da Cultura Científica Tecnolóxica e da Innovación.
Un curso de formación en Deseño, Modelado e Impresión 3D e outro centrado nos Materiais para a Impresión 3D e a Reciclaxe son as dúas primeiras accións postas en marcha no marco dun proxecto que pretende capacitar ao profesorado de educación infantil, primaria e de secundaria neste eido. Ata o de agora, son preto de 70 os docentes da Comarca de Ferrolterra que teñen participado, de xeito presencial, nas instalacións da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), nestas dúas formacións. Todos eles e elas imparten clase no Colexio Cristo Rey, no Colexio Sagrado Corazón– Mercedarias e no Colexio Jesús Maestro de Ferrol, así como no CPR Santiago Apóstol de Narón.
Ao longo do primeiro trimestre do ano 2025 está previsto que estas dúas formacións se impartan, de novo, no Campus Industrial de Ferrol e nas cidades de Santiago e de Vigo. A maiores, tamén se contempla a posibilidade de que os e as docentes de educación infantil, primaria e de secundaria interesados e interesadas en formarse no eido da impresión 3D podan facelo a través da páxina web do proxecto Polos en Marcha baixo a supervisión de profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC) e de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo (UVigo).
A organización de talleres de deseño participativo nos propios centros educativos co obxectivo de cocrear recursos didácticos adaptados para as etapas de infantil, primaria e secundaria, a creación dun repositorio web de acceso libre e a organización dun evento de divulgación no Campus Industrial de Ferrol son outros dos retos que ten por diante un proxecto que comezou a súa andaina o pasado mes de setembro e que rematará en decembro de 2025.