Fene prepárase para recibir o Nadal

O Concello de Fene inicia esta semana a programación de Nadal co acendido das luces, que terá lugar este xoves 5 de decembro, ás 18.00h na Casa do Concello. Este ano, ademais do tradicional alumeado, a vila contará con novas decoracións, actividades e iniciativas que buscan fomentar a participación e dinamizar o concello durante as festas.

A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, destacou que o acivro situado ao carón da Casa do Concello está a ser decorado con adornos elaborados pola rapazada de Fene en colaboración cos colexios, empregando materiais reciclados. Ademais, estrearase unha nova decoración de Nadal composta por aplicacións de ganchillo feitas a man por unhas veciñas, que estará situada tamén na contorna do Concello.

Nas parroquias, os protagonistas serán de novo os “photocalls” deseñados por Ito Mosquera. Este ano volverán rotar de localización, favorecendo que tanto a veciñanza como as persoas visitantes poidan explorar diferentes puntos do municipio e capturar momentos máxicos. Entre os deseños destacan figuras tan recoñecíbeis como o Apalpador, Papá Noel, Elfos ou unha galleta de xenxibre.

Festa de Fin de Ano e Concurso de Decoración de Nadal.

Como colofón das festas, o Concello de Fene organiza unha nova edición da Festa de Fin de Ano, que terá lugar na madrugada do 1 de xaneiro na praza do alcalde Ramón José Souto González. A celebración contará coa actuación da Orquestra Fania Blanco Show e o DJ Frank Fairlane, que animarán a festa desde a 01.00 h até as 06.00 h. Ao remate, ofrecerase chocolate con churros a todos os asistentes.

A concelleira destacou que esta celebración busca “crear un espazo de encontro e diversión para toda a veciñanza, recuperando o espírito das grandes festas populares”. Para a comodidade das persoas asistentes, a carpa contará cun servizo de barra e gardarroupa.

Coira tamén quixo lembrar que está aberto o prazo para participar no I Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa que busca premiar a creatividade e promover o embelecemento das vivendas do municipio. As mellores propostas serán recoñecidas con cestas de produtos locais.

Compromiso co medio ambiente

O Concello de Fene continúa apostando por un Nadal sustentábel. O alumeado de Nadal, como xa se fixo o ano pasado, seguirá criterios de eficiencia enerxética, apagándose durante as madrugadas agás nas datas máis sinaladas.

Con estas iniciativas, Fene énchese de espírito de Nadal e reafirma o seu compromiso co dinamismo local, a creatividade e a sostibilidade.

Lea también

Papá Noel ha iniciado su recorrido por Neda

Papá Noel ha iniciado en la mañana de este lunes 23 su recorrido por Neda. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *