O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, mantivo un encontro coa responsable da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para abordar a necesidade de mellorar a estrada comarcal AC861 que une As Pontes co municipio de Cabanas.
Así o alcalde formuloulle á conselleira a “urxencia de mellorar unha infraestrutura que xa está obsoleta, que conta con poucas zonas de adiantamento e algunhas de elas moi perigosa, pensar en diferentes posibilidades entre as que se podería atopar a construción de dúas circunvalacións en Goente e na Capela que mellorarían substancial mente a seguridade viaria”
Por outra banda, González Formoso recordou que esta estrada ten unha grande densidade de tráfico rodado “con una intensidade media de máis de 5.000 vehículos ao día que a converten unha vía de tráfico moi intenso e se temos en conta os proxectos industriais que teñen previsto implantarse nas Pontes, xunto co carácter comarcal dos polígonos industriais das Pontes fan que sexa necesario ter unha vía de comunicación coa AP-9 segura e rápida”.
PLAN DE VIVENDA
Durante este encontro o rexedor local tamén lle presentou as principais puntos do Plan de Vivenda das Pontes co obxectivo de establecer liñas de colaboración entre ambas administracións co fin de poñer en marcha medidas de rehabilitación, transformación e rexeneración do parque de vivendas existente en As Pontes.
Nese sentido, desde a Consellería avanzou que existe unha liña de axudas ás que o Concello das Pontes se pode acoller mediante a sinatura dun convenio que, en palabras do alcalde “permitiría que as persoas propietarias, inscribíndose nun rexistro que o Concello pode poñer en marcha, dispoñer un seguro de pago do alugueiro en caso de faltas de pagamento e un seguro de danos das vivendas” e avanzou que “desde o Concello imos a comezar xa os
trámites para asinar este convenio de colaboración que beneficia aos veciños das Pontes”.