Nesta ocasión foi distinguido cun segundo premio de investigación nos Premios Galegos do VIH e outras ITS 2024, organizados pola Consellería de Sanidade en Santiago de Compostela.
A especialista en Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Hortensia Álvarez Díaz, recibe un novo galardón polo seus artigos relacionados coa VIH. Nesta ocasión, foi distinguido cun segundo premio de investigación nos Premios Galegos do VIH e outras ITS 2024, organizados pola Consellería de Sanidade en Santiago de Compostela, e entregados onte. O artigo titúlase: niveis plasmáticos de ARN do VIH-1 e o reconto de linfocitos T CD4+ son determinantes de eventos de non supresión virolóxica con réximes de inicio baseados en inhibidores da integrasa: un estudo da Cohorte prospectiva RESPOND, publicado en Clinical Infectious Diseases 2023, revista científica de alto impacto.
Trátase dun estudo de colaboración coa multi-cohorte Europeo-Australiana de Enfermidades Infecciosas RESPOND, liderado dende a Área Sanitaria de Ferrol, que identifica determinantes preditores da non supresión virolóxica (cando non se suprime a carga viral en sangue) nos pacientes con infección crónica polo VIH que inician o tratamento antirretroviral. Traballaron tanto con pacientes de Europa como de Australia cuestionando cales son os determinantes para que pacientes con VIH teñan eventos de non supresión virolóxica: tanto viremia de baixo nivel en sangue (carga baixa de virus), como blips virais (aumentos transitorios de carga viral), viremia residual ou fracaso virolóxico. Concretamente, en como estes pacientes non acadan a supresión do virus, a pesar de estaren a se tratar con antirretrovirais.
Este equipo identificou que eses eventos de non supresión virolóxica, unha vez iniciado o tratamento antirretroviral, están asociados cunha cifra basal (previa ó inicio do tratamento antirretroviral) elevada de ARN de VIH-1 (>100,000 copias/mL) e, tamén, cunha cifra baixa de linfocitos T CD4+ (< 200 células/μL). Así, ARN de VIH-1 e linfocitos T CD4+ son determinantes basais que se manteñen asociados coa aparición destes eventos de non supresión virolóxica, con independencia do tratamento antirretroviral iniciado.
Para isto, incluíron unha análise de sensibilidade restrinxida cos antirretrovirais máis recentes (como son os inhibidores da integrasa como clase de antirretroviral; e outra análise restrinxida especificamente a dolutegravir, inhibidor de integrasa de segunda xeración recomendado nas guías actuais de tratamento antirretroviral).
Este achado ten un impacto na práctica clínica, pois suxire a existencia de mecanismos que se establecen en etapas moi precoces, previas ó inicio do tratamento antirretroviral, que son independentes do tratamento iniciado, e que, probablemente, están relacionados co establecemento dun maior reservorio viral de VIH.
Esta profesional incide na “recomendación de diagnóstico precoz da infección oculta ou descoñecida polo VIH e o inicio do tratamento antirretroviral canto antes, considerando o potencial para limitar o tamaño do reservorio do VIH previo ó inicio do tratamento, como un foco relevante deste enfoque precoz”.
Este artigo é o segundo dos tres, outro deles era premiado o ano pasado, que forman parte do traballo de tese do doutoramento pola Universidade de Vigo de Hortensia Álvarez, profesional da Unidade de Enfermidades Infecciosas do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; e que foi coordinado por Josep Llibre, médico e investigador do Servizo de Enfermidades Infecciosas do Hospital Germans Trias i Pujol, Badalona, e un dos directores desta tese.
Urxencias VIHxía
Relacionado co aspecto que destaca esta profesional sempre nos seus traballos, “diagnosticar precozmente para tratar precozmente”, esta profesional colabora co profesional de Urxencias, Rubén Níñez Lorigados, no desenvolvemento de Urxencias VIHxía, dende xullo de 2023. É un cribado oportunista do VIH nos servizos de urxencias hospitalarios, activado dende a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
As persoas incluídas no mesmo son aquelas de 16 ou máis anos que se presentan nos servizos de urxencias cunha das seguintes situacións clínicas como potenciais indicadores de infección oculta polo VIH: pneumonía adquirida na comunidade, ata os 64 anos; herpes zóster; ata os 64 anos; síndrome mononucleósico; infeccións de transmisión sexual; profilaxe postexposición e práctica do chemsex, consumo de drogas psicoactivas para facilitar ou intensificar a actividade sexual.
Solicítaselle o consentimento á persoa, e realízase unha seroloxía de VIH, establecéndose un circuíto de derivación para seguimento clínico segundo o resultado. Se o resultado é positivo, coordínase o vínculo e seguimento clínico a través de consulta de Enfermidades Infecciosas-VIH do CHUF, na que traballa esta profesional. Con todo, incide a internista, Hortensia Álvarez, “é necesario un esforzo de toda a poboación para reducir a taxa de diagnósticos tardíos de infección polo VIH”.
Uns cinco novos casos ó ano na ASF
Os datos actualizados a nivel nacional, amosan 3.196 casos novos de infección polo VIH en 2023. O 43.2% foron un diagnóstico tardío (linfocitos T CD4+ <350/mm3 no momento do diagnóstico da infección polo VIH). Este foi un dos moitos aspectos discutidos durante o XV Congreso nacional do grupo de estudo da SIDA (GeSIDA), que vén de ser celebrado en Zaragoza entre o 24 e 27 de Novembro de 2024, e no que Hortensia Álvarez moderou unha mesa.
Segundo o informe epidemiolóxico de Saúde Pública, a media anual rexistrada de 6,15 novas infeccións por cada 100.000 habitantes sitúa a Galicia moi por baixo do conxunto do Estado, onde o rexistro está en 9,6 casos por cada 100.000 habitantes. En concreto, o rexistro referido ao 2023 é aínda mellor e cae ata os 4,3 casos fronte aos 7,4 da media nacional. No caso da Área Sanitaria de Ferrol, hai unhas 400 persoas en tratamento antirretroviral activo; e, nesta Área, diagnostícanse unha media de cinco novos casos ó ano.