68 establecementos comerciais de Narón inscritos na campaña Merca Nadal

Un total de 68 pequenos comercios da cidade están inscritos na campaña Merca Nadal en Narón, que se desenvolverá do 2 ao 29 de decembro. Así o avanzou a edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, que presentou oficialmente a iniciativa xunto con Rocío Rodríguez, presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón. Dende o Consistorio insistiuse en que o prazo para que os comercios locais se inscriban permanecerá aberto ata o 24 de decembro, podendo consultar as bases a través do enlace: https://naron.gal/docs/Bases_2024-1.pdf.

As inscricións poden tramitarse a través do correo nadalnaron2024@gmail.com ou do teléfono 672 591 409. A edil de Promoción Económica explicou que cada comercio establecerá un importe mínimo de compra a partir do que entregará á clientela unha papeleta para que cubra os seus datos persoais e un teléfono de contacto.

Unha vez selada polo establecemento deberase depositar a papeleta para poder participar nos diferentes sorteos que se levarán a cabo en decembro. A clientela poderá gañar unha das catro cestas con produtos de Nadal que se sortearán ou algún dos tres vales de compra, por importe de 1.000, 600 e 400 euros (a canxear en como mínimo tres dos establecementos participantes na campaña).

As cestas entregaranse, segundo as actuais previsións, o 23 de decembro e os vales o día 30 dese mesmo mes. A clientela terá un servizo de acompañamento para realizar as compras, que terán que fixar para o día 2 ou 3 de xaneiro do vindeiro ano. Dende a Asociación de Comerciantes de Narón destacaron que se trata dunha campaña “con moi boa acollida todos os anos, e na que sempre hai alguén dos premiados ou premiadas que nos di que nunca lle tocara nada nun sorteo.  Nesta sempre toca”.

Así mesmo, continúa aberto ata este venres, día 29, o prazo de inscrición na proposta “Datas saborosas”, dirixida aos establecementos de hostalería da cidade que ofrecerán ceas, menús especiais ou comida para levar nas datas festivas de Nadal.

As inscricións deben realizarse no mail nadalnaron2024@gmail.com. A información recompilarase e elaborarase un listado que se fará público dende as redes sociais do Concello. Outra das propostas, neste caso tamén dirixida ao pequeno comercio e á hostalería de Narón, para a que se poden anotar a través do mail e teléfono mencionados anteriormente indicando no asunto “Concurso de decoración exterior”.

Os establecementos deberán enviar ao mail unha imaxe ou máis da súa decoración de Nadal, que valorará un xurado e que elixirá ao gañador ou gañadora dunha decoración exterior para o local realizada por un profesional do sector. “Queremos animar tanto ao sector hostaleiro e comercial a que participen nestas iniciativas, co fin de promocionar estes sectores e incentivar as compras no pequeno comercio local e tamén o consumo na hostalería local”, apuntou Olga Ameneiro.

A edil naronesa agradeceu “a colaboración un ano máis da Asociación de Comerciantes de Narón, que nos axuda a poder chegar a todos os establecementos asociados, contribuíndo a que esta campaña acade os resultados esperados”.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle un espectáculo de danza e música tradicional

O Pazo da Cultura de Narón acolle este sábado 30, ás 20:00 horas, un espectáculo …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *