A concellaría de Igualdade e Benestar de Ares vén de anunciar a posta en marcha da campaña de axudas económicas polo Nadal 2024, co foco en apoiar ás familias con menores ao seu cargo que precisen colaboración para costear a compra de agasallos.
A campaña está dirixida ás familias que residen en Ares e están empadroadas na localidade durante alomenos seis meses. Ademais, deben ter menores ao seu cargo que non cumprisen os 17 anos na festividade de Reis.
Para a asignación das axudas, consideraranse os ingresos económicos das familias, e darase prioridade a aquelas que se atopen nunha situación de vulnerabilidade económica, de acordo cos baremos establecidos nas bases reguladoras da campaña.
As familias beneficiarias recibirán un bono de 60 euros por cada menor ao seu cargo, uns fondos que se deben destinar á compra de xoguetes, CDs, libros, roupa e artigos deportivos ou calqueira material ou dispositivo relacionado coas novas tecnoloxías.
Despois da tempada do Nadal, as familias deberán presentar os recibos de compra correspondentes ao Departamento de Servizos Sociais do Concello nun novo período, que se estende desde o 8 de xaneiro de 2025 ata o 31 dese mesmo mes.
O proceso de solicitude para a axuda estará aberto desde o 2 ata o 20 de decembro, inclusive. Os solicitantes deben presentar a documentación necesaria no Departamento de Servizos Sociais do Concello, sito na praza da Constitución.
Tamén é posible obter información adicional e coñecer os procedementos administrativos requiridos para solicitar a axuda chamando ao número de teléfono 689 24 25 96.