Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, cualificou os orzamentos do concello de Ferrol para 2025 como «uns orzamentos ineficaces, antisociais, que benefician ás grandes empresas e manteñen os privilexios dos que máis teñen mentres anuncian investimentos que son unha farsa porque nunca se executan».
Rivas, explicou que «a proposta de orzamentos para 2025 do PP implanta de maneira definitiva a política de austeridade como o elemento vertebrador deste documento, dando continuidade ao incremento dos tributos á veciñanza, a tendencia a reducir o gasto en investimento e o incremento das privatizacións sen tomar ningunha decisión orientada a resolver problemas estruturais da cidade como a carencia de persoal municipal, ou a falla de ingresos produto da conservación de privilexios na cidade».
«Deste xeito, o alcalde da cidade incrementa unha vez máis a presión fiscal aos veciños aos que pretende facer responsables da súa neglixente xestión respecto dos servizos municipais a través de empresas privadas. Deste modo o PP pretende recadar en 2025 3,63 millóns de euros máis entre impostos directos, indirectos e taxas, dos que 1,8 millóns se corresponden coa suba do IBI e 1M derivado do incremento na recadación do abastecemento, rede de sumidoiros e depuración, que se suma ao incremento xa previsto no orzamento de 2024 de 0,35 millóns de euros».
Rivas, explicou que «este incremento nos tributos á veciñanza contrasta coa rebaixa asociada á declaración de “ Concello emprendedor” no IBI e no IAE a grandes empresas de até o 95% e co mantemento dos privilexios a entidades públicas e privadas na cidade».
«Así, o avance da liquidación do ano 2024 evidencia que dos 1M de euros que a Autoridade Portuaria debería ter aportado, o concello de Ferrol non ten recibido un so euro. O mesmo acontece respecto dos 1,64M de euros asociados ao canon que EMAFESA debería aportar ás arcas municipais durante este ano 2024 e do que tampouco existe a día de hoxe o mínimo ingreso, tal e como reflexa o avance da liquidación de 2024».
«Xunto a esta falla de interese do goberno local por exixir o cumprimento das obrigas tributarias e contractuais comprobamos como o Alcalde desta cidade tampouco demanda a devolución dos importes recadados de máis polo canon de SOGAMA por empresas privadas como URBASER e que superan os 0,8M de euros».
O portavoz municipal do BNG de Ferrol aclarou que «xunto ao incremento da presión fiscal incrementase o gasto en privatizacións e para este ano 2025 o gasto do capítulo 2 xa supón case que a metade do orzamento municipal, o 48% do total, cun novo incremento respecto de 2024 de 3,44M. Pola contra o gasto en persoal cada vez se reduce máis e apenas chega ao 25% do gasto total, unha anomalía que non se produce en ningunha administración pública, onde este gasto supón normalmente o maior importe do orzamento».
«Nesta previsión de gasto para 2025 o gasto en persoal permanece practicamente igual que no ano 2024, evidenciando a falla de vontade por incrementar o cadro de persoal municipal coa contratación de novos e novas traballadoras municipais».
Por último, Rivas sinalou tamén como significativa «a tendencia a reducir o gasto destinado a investimentos desde a chegada do PP á cidade de Ferrol. E así para este ano 2025 os investimentos redúcense nun 23 % respecto de 2024 pese a un significativo incremento da débeda, que a finais de 2025 estará próxima ao 61%, segundo se recolle no documento anexo a estes orzamentos para 2025».
«Unha tendencia a reducir os investimentos que se suma ao feito de que tampouco se executan aqueles que se consignan nos orzamentos, como por de relevo a última liquidación do orzamento aprobada correspondente ao ano 2023 e onde a execución dos investimentos apenas se aproximou ao 32% do total».
«Esta maneira de actuar confirma a política fraudulenta do PP que acaba repetindo os mesmos investimentos ano tras ano produto da non execución destes, ademais de desterrar da previsión de gasto para 2025 acordos e proxectos longamente demandados pola cidade como a rehabilitación da casa de Carvalho Calero, o mercado de Recimil ou mesmo o pavillón do IES de Ferrol Vello que amosan a distancia que existe a día de hoxe entre o goberno local e as necesidades da veciñanza da cidade».