A concelleira de Benestar Social de Narón, María Lorenzo, presentou este martes 26 xunto con Lara Caro, do parque infantil Bule Bule, a Festa infantil solidaria que se celebrará o vindeiro 14 de decembro no pavillón da Mocidade, na Gándara.
A cita desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 11:00 a 14:00 e dende as 16:30 ata as 20:30 horas e o custe da entrada será de 5 euros (a entrada únicamente vale para un acceso ao recinto). Dende a organización indicaron que toda a recadación se destinará íntegramente ao colexio CEIP Fernando Baixauli Chornet, afectado pola DANA en Valencia, tanto a nivel de construción como por roubos posteriores.
“Eliximos ese centro porque atopamos un aviso de que era un dos centros que precisaban axuda pola DANA e xa nos quedamos con esa opción porque na organización todos traballamos con nenos”, indicou Lara Caro.
Así mesmo, recordou que se habilitou unha Fila 0: ES34 3159 0011 1523 9717 7822, unha conta que é directa do propio centro de ensino valenciano. Inchables, pintacaras, tatuaxes, obradoiros de Nadal, visita de personaxes, sorteos de agasallos –doados por varios establecementos da cidade e comarca- e moitas outras sorpresas forman parte das propostas deseñadas para desfrutar desta Festa infantil solidaria.
A maiores, tal e como indicaron, haberá exhibicións de baile de academias como Danza Paloma, Paso a Paso, Un Paso Adelante… O Concello colabora na organización deste evento solidario xunto coas empresas Bule Bule, Fiestoke, Multiocio E.T., Capuchino, Gazapo, La Guagua, IlusiónArte e Burbujas.
“Queremos agradecer de antemán a asistencia a todas as persoas que poidan colaborar con esta causa solidaria e, como non, o traballo de todas as empresas que se sumaron a esta iniciativa para axudar neste caso ós nenos de Valencia ante unha catástrofe con tan graves consecuencias como as que deixou a DANA ao seu paso por esa e outras comunidades” asegurou María Lorenzo.
A edil naronesa avanzou que “dende o Concello continuaremos colaborando na medida das nosas posibilidades para tratar de axudar ás persoas afectadas, tal e como facemos a través do Centro de Recursos Solidarios e doutras iniciativas”.