O pavillón da Mocidade, na Gándara, acolle esta fin de semana, o venres 29 e o sábado 30, a I Feira de Literatura e Arte, na que colabora o Concello de Narón.
A edil de Feiras, Mar Gómez, presentou o evento acompañada pola escritora Isabel Ramos, integrante do Grupo de Autores de Ferrolterra (GAF), que impulsa a convocatoria. A ilustradora naronesa Saila Chao realizou o deseño do cartel desta edición, na que participarán as librarías Nova, Albatros e Pasapáxina, as asociacións Narart e AGER (Asociación Galega de Escritores), artistas, escritores e escritoras independentes e a propia Saila Chao.
Pintoras e pintores como Dulce Anca, Paco Carmona, Santiago Canzobre, Rafa Climent, Sol Lamas, Katy Martín e Crisanto Poveda; artistas como Saila Chao (ilustradora), Silvia Díaz (deseño e creación), Fernando Eiroa (carbón details, Mon Novo (urbansketching) e outros profesionais como Diana Coira (yoga bowspring), Margaret Vilas (zumba e Benestar) estarán tamén presentes neste evento.

“Haberá postos de librarías, ilustradoras e dos artistas participantes e as persoas que o desexen poderán solicitar aos escritores e escritoras que lles asinen as súas obras en quendas que se desenvolverán ao longo da mañá e da tarde en toda a feira”, tal e como indicaron dende a organización. A programación dará comezo este venres, día 29, ás 12:00 horas, coa lectura do pregón a cargo do xornalista Ramón Loureiro.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, haberá un micro aberto con Sabela Cagiao e Clara Ventura e ás 17:00 unha sesión de zumba kids con Margaret Vilas e o centro Amar-t. Ás 18:00 horas haberá unha festa infantil con Latiapapucha, a cargo de Reyes Pérez e Sonia Ramallo e ás 19:00 horas “Novela e memoria”, unha charla con Juan Galán e José Ángel Varela. Na xornada do sábado, día 30, retomarase a programación ás 11:30 horas cunha charla sobre a influencia da literatura no cine e na música, a cargo de Miguel Castro Serantes e Sara González Veiga. Ás 12:30 horas haberá un contacontos de Nadal, con GAF e pola tarde ás 16:00 haberá unha conferencia titulada “Tu medicina está en ti”, con Diana Coira, de Satya-Ikigai Bowspring.
Así mesmo, ás 17:00 horas dará comezo o contacontos “Breixo, e o monstro Lume”, con Soraya García; ás 18:00 horas unha tertulia sobre as dificultades e beneficios de escribir dende esta zona, con Raquel Villanueva, Isabel Ramos e Juan Lada e pechará a programación, ás 19:00 horas, unha clase maxistral de bodyspring a cargo de Diana Coira Espantoso. “Apostamos por xente da comarca de Ferrolterra para participar neste evento, aínda que tamén se achegarán profesionais procedentes de fóra de Galicia”, apuntou Isabel Ramos.
A concelleira de Feiras agradeceu o traballo realizado por todas as persoas que se implicaron na organización do evento e tamén destacou a elevada participación de todos os profesionais que estarán este venres e sábado en Narón. Gómez animou ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a achegarse ao pavillón da Mocidade para desfrutar desta primeira edición da Feira de Literatura e Arte.