O Pequefestival trasládase á Biblioteca Pública Municipal e a Vila Celta inaugúrase no estacionamento público situado na intersección entre a Rúa da Soidade e a Rúa da Constitución.

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira regresa do 9 ao 13 de xullo de 2025 cunha programación diversa que mestura tradición e vangarda, e que este ano incorpora importantes novidades centradas no público familiar e a dinamización cultural da vila.
No xa característico Festival na Rúa participarán as bandas de gaitas convidadas, que comezarán a percorrer as rúas de Ortigueira o xoves 10 ás 12:00 horas e continuará ata o domingo co tradicional Desfile das Nacións Celtas. Bandas bretoas como a bagad Kevrenn Brest Sant Mark, agrupacións asturianas como o Grupu Folcróricu Prau Llerón e a Banda de Gaites de Castrillón, a formación astur-breota La Banda… Latira!, os escoceces Caledonian Cowboy Collective Pipe Band percorrerán as rúas de Ortigueira xunto con formacións galegas como a Banda de Gaitas Xarabal, a Banda de Gaitas Herba Grileira, a Banda de Gaitas Lembranza Solpor, o cuarteto Ansuíña, Murga Coelerni, Os montoxos, Os enxebres de San Lázaro e a Banda de Gaitas do Ortegal, acompañadas pola Escola de Gaitas de Ortigueira e as asociacións locais Banda de Gaitas Ladrido, Asociación Cultural Gamelas e Anduriñas e a Asociación Cultural Troula do Ortegal.
Unha das grandes apostas deste 2025 é o reforzo do Pequefestival, que medra en contido e protagonismo cunha programación pensada para que as familias vivan o festival ao completo. Comezará o venres 11 ás 17:00 horas con A Banda das Apertas, de Magín Blanco, un espectáculo cheo de cancións queridas polo público infantil como O meu país, Todos somos capitáns ou Rock&Roll Dragón. O sábado as familias poderán desfrutar da cómica proposta Historias para escagarriñarse de Teatro Ghazafelhos, que historias como a da Cabra Montesina ou a Santa Compaña. O domingo 13, haberá un concerto especial polo 25 aniversario de Mamá Cabra, unha actuación chea de ritmo, onde Gloria Mosquera repasará os grandes éxitos do grupo dende a súa creación ata hoxe.
Outra das grandes novidades é a posta en marcha da Vila Celta, un novo espazo organizado poloa Escola de Gaitas de Ortigueira coa colaboración do Concello de Ortigueira, que acollerá concertos e que servirá en ocasións de punto de partida do Festival na Rúa. A Vila Celta converterase nun punto de encontro para artistas e público, con actuacións como Os Carecos, Entós, Embruxo, Trío Guillon – Radin – Camiña, Pandereteros d’Anguaño, Lidia India e Ansuíña, entre moitos outros.
O Teatro da Beneficencia acollerá tamén o Festival no Teatro coas actuacións do trío Raskal, o dúo formado por Hugo Franco e Marc Xarau e Carmela, un proxecto que reinterpreta a tradición oral galega desde unha perspectiva contemporánea, combinando investigación etnomusicolóxica, canto e percusión. O programa complétase cos obradoiros de baile galego, asturiano, bretón e irlandés que se desenvolverán no IES de Ortigueira. A estes, súmanse o obradoiro de violín e o obradoiro de corda pulsada, impartido por Hugo Franco.
