A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que se conmemorará o Día de Narón, festividade local. A celebración dará comezo ás 11:30 horas, con xogos populares e un cantaxogo, para continuar dende as 12:30 coa actuación das Cantareiras, a Banda de gaitas e as escolas de baile do Padroado da Cultura.
A celebración terá tamén un apartado gastronómico, neste caso dende as 13:00 ata as 15:00 e tamén pola tarde, de 17:30 a 20:00 horas, cando se servirán de balde a todas as persoas que se acheguen á citada praza callos e bolos preñados.
Co mago Dani García, e o seu espectáculo Don Gelati, retomarase a programación da tarde a partir das 16:30 horas. A media tarde, sobre as 18:00 dará comezo a actuación musical do Trío Antha. Nese mesmo momento levarase a cabo no Pazo da Cultura o acto oficial de entrega de premios do XIV Concurso de Pintura Cidade de Narón.
O programa de actos rematará no Auditorio municipal, cun concerto solidario da Banda Infantil Sementeira e a Xove Banda de Narón, da Asociación Cultural Musical Sementeira de Narón, ás 20:00 horas. A recadación –a entrada custará 5 euros e poderase adquirir no propio Auditorio antes do inicio do concerto- destinarase ás sociedades musicais valencianas afectadas pola DANA, tal e como avanzaron dende a organización. Tamén se pode doar a través da Fila o: IBAN ES03 2080 0240 3130 4002 1206 (Abanca).