A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o 29 de novembro, xornada na que se desenvolverá a partir das 19:00 horas no local social do Alto do Castiñeiro.

Así o avanzou a concelleira de Igualdade, María Lorenzo, que recordou que con esta convocatoria rematarán as conferencias programadas para este mes a través do programa municipal “A saúde mental importa”. “Unha mirada dende a saúde mental cara as claves do envellecemento” é o título desta ponencia de Touza, que é psicóloga clínica no Hospital Psiquiátrico de Calde (Lugo) e previamente traballou na Unidade de Psicoxeriatría do Hospital Naval de Ferrol.

O Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acolleu o pasado día 16 a conferencia “Mente e corpo traballan xuntos” e un obradoiro dinámico de ioga e relaxación. Nesa ocasión foi a psicóloga Virginia Penedo a encargada de impartir estas propostas. María Lorenzo destacou “a boa acollida que está tendo este programa, xa dende o seu inicio, entre os veciños da nosa cidade”.

A edil naronesa incidiu na importancia de convocar este tipo de propostas, encamiñadas e informar á poboación a través de profesionais no sector e ofrecer ferramentas destinadas tanto ás persoas con problemas de saúde mental como ás súas familias.

Lea también

Narón súmase un ano máis ao programa “Vacacións en Paz” para acoller menores saharauís no verán

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) fai un chamamento ás familias de Narón …