O concurso de tapas, “Saborea As Pontes”, organizado polo Concello das Pontes en colaboración coa Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes (COHEMPO) celebra, a partir do día 7 de novembro, unha nova edición.
Nesta ocasión serán 14 os establecementos hostaleiros que participarán nesta cita, consolidada no calendario de actividades propostas desde a Concellería de Turismo e Promoción Económica para dinamizar e promover un dos sectores xeradores de preto dun centenar de postos de traballo no municipio.
Elena López, concelleira da área, subliña a importancia deste concurso de tapas, que chega a súa edición número 14 xa “que contribúe á promoción turística das Pontes, sendo unha oportunidade para dar a coñecer o traballo do sector hostaleiro da vila a través de diferentes creacións culinarias nas que non faltan os produtos de referencia da na nosa vila, procedentes do noso sector primario”.
Este ano, ao igual que na última ocasión, o certame celebrarase durante dúas semanas consecutivas, de xoves a domingo, podendo degustar as tapas a partir do xoves, 7 de novembro e ata o domingo, 17 de novembro As tapas serviranse os xoves e venres, de 19.30 a 23.00 horas mentres que os sábados e domingos ampliarase o horario para ofrecer tamén as degustacións en horario matutino, de 12.00 a 15.00 horas e durante as tardes de 19.30 a 23.00 hora. O prezo das tapas será de 2,50 euros.
Ao igual que nas edicións anteriores, Saborea As Pontes repartirá dous premios entre todas as tapas do concurso. Unha Comisión de Valoración Oficial será a encargada de elixir a “mellor tapa pontesa 2024” mentres que o xurado popular, a través do seu voto, escollerá a “tapa pontesa máis valorada polo público”.
Ademais, repartiranse un único premio, de 600 euros, entre todas as todas aquelas persoas que cubran os boletos do concurso de tapas con 8 selos dos diferentes locais participantes e tres premios de 300 euros entre todas as persoas que cubran os boletos do concurso de entre 7 e 4 establecementos.
A concelleira invita á veciñanza e visitantes a participar neste certame, a degustar as tapas, a saír á rúa e a gozar desta nova edición e deste xeito, seguir contribuíndo de forma activa e en primeira persoa á boa marcha dun dos sectores económicos esenciais na nosa vila.