O domingo 27 o Concello de Moeche presentou a vinderia VII Feira do Queixo no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, en Ourense. A sétima edición da Feira do Queixo en Moeche terá lugar o vindeiro 16 de marzo de 2025. A presentacion correu a cargo da alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o técnico de Turismo, Ramón Carballeira, quen antendeu o stand ao longo da xornada. Moeche participou neste foro turístico convidado pola Área de Turismo da Deputacion da Coruña, quen lle facilitou o stand na citada xornada.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, destacou na súa intervención que, ademais da posta en valor do recinto feiral e da promoción do queixo de Moeche, a Feira do Queixo naceu co obxectivo de apoiar o sector leiteiro e o queixo artesán, pois “o artesán está ligado á elaboración tradicional, e as persoas que o elaboran ligadas ao territorio, como produtores ou comecializadores, e ao fin e ao cabo coa súa actividade coidan do territorio no que viven e traballan”.
Así mesmo, valorou o feito de que no Concello se poña en marcha a finais deste unha nova queixería artesá, Queixería Lavandeira, da man de persoas ligadas á feira desde os seus comezos.
Pola súa parte, o técnico de turismo, Ramón Carballeira, deu a coñecer algún dos atractivos turísticos do municipio, como o castelo ou a historia da feira u eventos como as feiras mensuais ou a feira do 23 de abril.
Foron numerosas as persoas que se achegaron ao acto de presentacion e alí puideron degustar diferentes petiscos elaborados por María Martinez de Catering Ferrolterra con produtos da comarca e do concello de Moeche: queixos de Lácteos Moeche e queixo fresco de Bardaos, acompañados con pan de pasas, de chía e de chocolate da empresa local, Panadería Santa Cruz, e marmelada de tomate elaborada por AyCarmen-Farolillos no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla.