Retomaranse as prospeccións no cemiterio do Val para localizar fosas comúns

O Concello de Narón acolleu na mañá deste mércores 23 unha nova reunión para avanzar no tema das prospeccións previstas no cemiterio do Val para localizar fosas comúns.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a xuntanza, á que tamén acudiron os voceiros de TEGA, Román Romero; do PP, Germán Castrillón, e do PSOE, Silvia de Arriba; o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Fernández Pita; o forense Fernando Serrulla, que xa traballou co equipo de investigación Histagra nas prospeccións realizadas no citado camposanto, e familiares de dúas vítimas de Narón asasinadas na época.

Na xuntanza informouse que o vindeiro 4 de novembro se retomarán as prospeccións no cemiterio do Val. Na xuntanza realizada a comezos deste mes xa se avanzaba na intención de continuar este ano coas prospeccións, no referente á segunda fase das mesmas.

O forense Fernando Serrulla ten unha posición clara ao respecto do acontecido. “Dende o meu punto de vista son varias fosas, posiblemente sete, as que están debaixo dos nichos. Non teño ninguna dúbida e creo que son sete porque houbo sete momentos temporais diferentes de asasinatos, creo que son sete e que están situadas moi próximas unhas das outras”, recalcou.

Serrulla recordou que nas prospeccións realizadas en marzo deste ano “xusto pegado aos bordes dos nichos atopamos moitos ósos con signos de violencia e as fontes orais tamén apuntan a que os enterramentos dos asesinados se fixeron alí”. O procedemento a seguir, tal e como se indicou na reunión, é confirmar os resultados do traballo realizado, constatando que as fosas comúns están alí ubicadas para, posteriormente, que o equipo que traballa na zona o corrobore a través do pertinente informe oficial.

A continuación habería que valorar coas familias a posibilidade de buscar as fosas, o que suporía tirar nichos do camposanto do Val, cos trámites que conlevaría ademais dos permisos das familias propietarias dos mesmos.

A alcaldesa ofreceu ao equipo investigador e ás familias todo o apoio e colaboración do Concello neste proceso para continuar avanzando nos traballos pendientes, co fin de saldar esa débeda tanto coas persoas asesinadas na Guerra Civil e na posguerra como nas súas familias, vítimas da represión da época e duns feitos que non deberían ter sucedido.

Lea también

«Tardes xuvenís» en Narón ofrece actividades e obradoiros na Casa da Mocidade

A mocidade de Narón poderá participar este mes no proxecto Tardes xuvenís, impulsado dende o …