Ares propón un programa de actividade física adaptada para maiores de 70 anos

Victoria Montenegro, concelleira de Igualdade e Benestar, e Alma Barrón, edil de Deportes de Ares, presentaron o programa ACTÍVATE + 70, unha nova actividade física que pon o foco nas persoas maiores dese rango de idade para ofrecerlles sesións adaptadas ás súas necesidades e condicionantes físicos.

ACTÍVATE + 70 desexa modificar as mensaxes que recibe este colectivo de máis de setenta anos, estimulando unha vellez activa e con alternativas saudables que redunden na mellora do seu benestar, empoderándoas para que escollan o estilo de vida que prefiran.

As concelleiras debullaron precisamente os piares que sustentan este programa. Actuaranse en base a tres eixos: un será a educación física, co obxectivo de mellorar a funcionalidade do organismo (forza, mobilidade articular, equilibrio, resposta cardiorespiratoria…); outro o eido psicolóxico, dotando aos e ás usuarias de ferramentas para manter a motivación cotiá, valorar as relacións afectivo-sociais… e, finalmente, a nutrición, divulgando pautas dentro da actividade para alimentarse nesta etapa da vida da mellor forma.

“Haberá exercicios centrados na velocidade de reacción ou na mellora da forza, sesións de coordinación e consciencia respiratoria, estimulación cognitiva, mindfulness básico… trátase dunha actividade que se aplica dende unha perspectiva integral, onde o deporte serve sobre todo para que as persoas maiores poidan sentirse mellor e gañar en benestar”, salientou Alma Barrón, concelleira de Deportes.

Segundo a análise da área de Deportes, ACTÍVATE + 70 vencéllase directamente co Plan de Acción Mundial sobre a Actvidade Física que propón a Organización Mundial da Saúde (OMS) no ciclo 2018-2030, unha estratexia que insta ás institucións públicas a construír unha sociedade máis activa promovendo o coñecemento e comprensión dos múltiples beneficios da actividade física diaria en todos os rangos de idade.

O conxunto das sesións impartidas por Jose Antonio Barcia Tucceli, educador físico e psicólogo acreditado na rama da Psicoloxía do Deporte.

INICIO DA ACTIVDADE EN NOVEMBRO E INSCRICIÓNS ABERTAS DENDE O MÉRCORES 23

No tocante á información técnico-administrativa, ACTÍVATE + 70 habilitará un grupo inicial de ata 12 persoas cunha hora semanal de novembro a decembro (os venres de 10:00 a 11:00 horas), ampliando a dúas horas semanais de xaneiro a xuño, ambos meses incluídos (os luns e os venres, de 10:00 a 11:00 horas). Será necesario estar empadroado/a en Ares para participar na actividade.

Deste xeito, inicialmente o custe do programa será de 14, 14 euros / mes (1 hora semanal) e ampliarase a 20, 67 euros / mes posteriormente (2 horas semanais). Consígnase unha matrícula de 10, 30 euros.

A actividade realizarase no pavillón deportivo municipal, na súa sala de usos múltiples ao garantir unha gran versatilidade dentro das instalacións, incorporando a posibilidade de facer algunha saída pola contorna ao longo do curso se as condicións metereolóxicas así o permiten.

Con todo, como aconteceu noutras programacións municipais, namentres o pavillón deportivo de Ares estea inmerso nas obras de mellora, a ubicación trasladarase de xeito provisional ó andar superior da Casa da Xuventude aresá.

As inscricións formalizaranse presencialmente cubrindo unha folla de inscrición no Departamento de Servizos Sociais de Ares sito na Praza da Constitución dende mañá, mércores 23, até o remate do mes o 31 de outubro (incluído).

Toda a normativa de ACTÍVATE + 70 está dispoñible na web municipal, www.concellodeares.gal.

Lea también

La Xunta invierte cerca de 440.000 euros en la formación de jóvenes desempleados de Ferrolterra

La delegada territorial de la Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada del alcalde de Fene, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *