Celébrase en Ferrol o VII Galician Offshore International Hub (GOInterHUB)

O CIS Tecnoloxía e Deseño da Cabana (Ferrol) acolle, este xoves 24 e venres 25 de outubro, a VII edición do Galician Offshore International Hub (GOInterHUB).

Un congreso internacional de referencia sobre a eólica mariña organizado por GOE-Asime, Navantia Seanergies, Windar Renovables e a Xunta de Galicia no que se presentarán dúas das propostas de innovación docente nas que está a traballar, en representación da Universidade da Coruña, o profesorado do Campus Industrial de Ferrol: os Proxectos Europeos Erasmus+ FLORES e SHOREWINNER.

Fomentando as carreiras neste ámbito profesional e facilitando a creación dun observatorio de oferta e demanda de capacidades.

Impulsar a capacitación no sector das enerxías renovables mariñas promovendo formacións específicas, contribuíndo ao desenvolvemento de carreiras neste ámbito profesional e facilitando a creación dun observatorio de oferta e demanda de capacidades.

Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ Forward Looking at the Offshore Renewable Energies (FLORES) que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR, dependente da Consellaría do Mar, e no que colaboran a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) así como un grupo de docentes e de persoal investigador do Campus Industrial de Ferrol baixo o liderado, en representación da Universidade da Coruña, da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Lucía Santiago Caamaño.

Ademais dos tres socios galegos, integran o grupo de traballo o Centro de Investigación e Tecnoloxía Hellas (Certh) de Grecia, a asociación europea de enerxía eólica WindEurope, a Universidade de Gante, o Sindicato Europeo Industrial e a Xunta Mariña Europea de Bélxica.

Tamén forman parte deste proxecto Erasmus+ o Consorcio Multimedia Aqualex de Irlanda, as empresas Deftiq e Bluespring, a Rede Submarina para o Crecemento Azul de Alemaña, o Lycée Fulgence Bienvenüe e a Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas de Francia e, por último, o Clúster de Tecnoloxía Marítima (mareFVG) de Italia.

O Proxecto Europeo Erasmus+ Forward Looking at the Offshore Renewable Energies (FLORES) está financiado pola Unión Europea a través da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (Eacea) e conta cun orzamento de 700.000 euros. Pola súa banda, a Universidade da Coruña dispón de máis de 76.000 euros para mellorar a oferta con accións de formación continua innovadoras tanto para profesionais das enerxías renovables mariñas como de calquera outro sector.

Do mesmo xeito, ao remate do proxecto, previsto para este mes de decembro, terá que liderar a promoción de carreiras neste ámbito e achegará á sociedade, especialmente ao alumnado dos colexios e institutos galegos, ás enerxías renovables mariñas cunha clara perspectiva de xénero.

Impulsando a creación dun ciclo de FP en Europa que responda ás necesidades formativas do territorio e ás demandas do mercado laboral

O Proxecto Europeo Erasmus+ Southern European Community for Offshore Wind Energy (SHOREWINNER) é unha iniciativa de innovación docente que pretende crear e desenvolver unha comunidade de cooperación internacional entre cinco países do sur de Europa, todos eles cunha alta potencialidade no eido da enerxía eólica mariña, co obxectivo de impulsar a creación dun ciclo de formación profesional que responda ás necesidades de formación destes territorios e ás demandas do mercado laboral.

O Instituto Politécnico do Porto lidera un proxecto no que participan distintas universidades, institucións e empresas de Chipre, Grecia, Italia, Portugal e de España baixo o paraugas da Comisión Europea. A representación española nesta comunidade de cooperación internacional está encabezada pola Universidade da Coruña, o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR), a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a consultora medioambiental tinerfeña Aquatera Atlántico SL.

Xunto a eles, tamén participan neste proxecto europeo o CIFP Ferrolterra, de Ferrol, o CIFP Valentín Paz Andrade, de Vigo, e o IES Universidade Laboral e o Centro de Innovación Docente de FP Eduardo Barreiros, de Ourense.

O Proxecto Europeo Erasmus+ Southern European Community for Offshore Wind Energy (SHOREWINNER) dispón dun orzamento total de 3.980.424 euros. A Universidade da Coruña disporá de 329.915 euros para levar a cabo a súa parte do proxecto, durante os próximos catro anos, da man do profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Félix Orjales Saavedra.

Lea también

Se suceden en Ferrol las primeras visitas de la Semana del Patrimonio Invisible

La concejala de Turismo y Patrimonio Histórico de Ferrol, Maica García, ha participado en la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *