Valdoviño retoma o programa “Son de Aquí e Escribo” co profesor Manolo González

O creador e director da Axencia do Audiovisual Galego entre 2005 e 2009 compartirá charla co público este xoves ás 19:30 horas na Biblioteca  Municipal.

O Concello de Valdoviño retoma esta semana o programa municipal «Son de Aquí e Escribo», e farao cun convidado de luxo, o profesor Manolo González, creador e director da Axencia do Audiovisual Galego entre 2005 e 2009 e actual coordinador da Chanfaina Lab. O encontro terá lugar este xoves 24 de outubro, a partir das 19:30 horas na Biblioteca Municipal.

Manolo González compartirá co público os seus proxectos pasados, presentes e mesmo de futuro, os procesos creativos e as súas motivacións á hora de tomar os diferentes camiños polos que transitou na súa ampla carreira profesional. En todo caso, máis que unha exposición, será unha conversa de ti a ti co público, aberta á súa participación. “Son de Aquí e Escribo” arrincaba en 2021, e ao longo destes anos, teñen participado autores e autoras como Rosa Aneiros, Medos Romero, Mario Caneiro ou Alba Santiago.

SOBRE MANOLO GONZÁLEZ
Licenciado en Psicoloxía (Universidad Complutense de Madrid, 1977). Traballou en áreas de realización e produción en curtametraxes e varios programas da TVG nos anos oitenta. En 1984 foi responsable da Área de Cine e Vídeo da Dirección Xeral de Cultura, organizando as primeiras axudas públicas ao cinema e vídeo galegos. Coordinou o programa A imaxe na escola (curso 1984-85) e foi responsable da Videoteca de Galicia (1984-85), xermolo do que será posteriormente o CGAI.

Creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998), onde ademais foi profesor de Produción Audiovisual. Organizador da sección de vídeo e as actividades paralelas de XOCIVIGA (1984- 1989). Catalogou e fotografou o patrimonio cinematográfico galego na exposición itinerante Cinematógrafos galegos (1986-1987).

En 1988 entrou a traballar na produtora Vídeovoz TV, desenvolvendo funcións de arquivo, produción, guión e realización en diversos programas e series para TVG como Encontros, Galicia no cine, A mellor TV do mundo ou Extramuros, entre outros.

Participou activamente na investigación e catalogación da memoria audiovisual da emigración galega con diversas publicacións e traballos de campo en Arxentina, Uruguai, México, Cuba e Venezuela. A súa tese de doutoramento en historia versaba sobre “A emigración no cinema español”. Entre outros, publicou o libro Documentos para a Historia do cine en Galicia (1970-1990), así como diversas colaboracións en varios libros colectivos (Historia do cine en Galicia, Dicionario do cine en Galicia etc.) e numerosos folletos e artigos sobre audiovisual galego, nomeadamente sobre patrimonio audiovisual, cinema-emigración e formación audiovisual. Profesor asociado na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo (2004-2007). Nos anos 2004-2005 foi o director de desenvolvemento da produtora de animación Dygra Filmes.

Creador e director da Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia (2005-2009), coordina as convocatorias de axudas á produción da Xunta de Galicia, deseño e contidos da web da Axencia Audiovisual Galega (Premio á mellor páxina institucional en galego no ano 2008) e impulsa varios proxectos para o audiovisual galego como Cinemas Dixitais, Flocos.TV (Premio Mestre Mateo 2009) ou Memoria do século XX.

Profesor no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade de Coruña e La Voz de Galicia (1998-2019). Foi premio AISGE no 2006 «pola súa traxectoria»; premio Leixaprén 2011 da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística e Premio de honra da XOCIVIGA (Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia) no Carballiño no 2013.  Tamén foi galardoado nos premios Mestre Mateo 2014 co premio Fernando Rey “pola súa contribución ao desenvolvemento da industria audiovisual galega” e no marco do Festival Primavera de Cine en Vigo no 2019. Participou en numerosos eventos, festivais e mostras audiovisuais, así como en charlas e coloquios en foros nacionais e internacionais.

Profesor de Historia e Cultura Audiovisual no IES Concepción Arenal de Ferrol, actualmente colabora como asesor e creador de contidos en “Fálame de San Sadurniño” e é coordinador do encontro de cineastas “Chanfainalab”.

Lea también

Valdoviño y Defensa acuerdan la cesión de la batería de Campelo por 25 años

La Diputación de A Coruña trabaja en la redacción de los proyectos de recuperación de …