Narón acolle dúas conferencias do programa municipal A saúde mental importa

A concelleira de Benestar Social de Narón, María Lorenzo, informou da próxima celebración, este mes de outubro, de dúas conferencias no local social do Alto enmarcadas no programa municipal A saúde mental importa.

A primeira delas será este venres 18, ás 19.00 horas e correrá a cargo da socióloga, coach familiar e experta en mindfulness Marga Carballo. É bo poñerse obxectivos? é o título desta conferencia, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

A segunda das sesións programadas será o sábado 26 deste mes, ás 11.00 horas, e na que a psicóloga e psicoterapeuta especializada en trauma complexo, apego e disociación, trastornos alimentarios e psicosomática médica, Natalia Seijo falará sobre O impacto do trauma psicolóxico no corpo.

O acceso á conferencia será tamén libre ata completar a capacidade da sala. O programa A saúde mental importa incluirá novas propostas ata o seu remate, en decembro deste ano. A través do mesmo, tal e como explicou María Lorenzo, apóstase por previr o deterioro da saúde mental e o aumento da depresión e outras doenzas entre a poboación de Narón.

Para acadar este obxectivo “ofrecerase á cidadanía, de mans de profesionais nesta área, unha serie de ferramentas a través das que poder previr ese deterioro e, ao mesmo tempo, poder mellorar o benestar social, tanto a nivel individual como comunitario”.

María Lorenzo animou ás veciñas e veciños da cidade a acudir a estas conferencias “para adquirir coñecementos da man de profesionais na área da saúde mental para poder detectar posibles problemas e mesmo previlos ou afrontalos”.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …