A Xunta recorda que para solicitar festas de fin de ano debe facerse con 30 días de antelación

 A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza recorda que as solicitudes de autorizacións para celebrar festas de fin de ano deben presentarse cunha antelación mínima de 30 días, tal e como se establece na normativa que regula este tipo de actividades.

Precisamente a Xunta vén de informar aos concellos galegos da normativa e requisitos para solicitar autorizacións extraordinarias para a celebración de festas de fin de ano e solicitarlles a súa máxima difusión desta información. Así llo trasladou a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior en sendas cartas á Federación Galega de Municipios e Provincias e ás sete grandes cidades.

Na misiva explicase que consonte a normativa vixente ningún local pode ofrecer espectáculos ou actividades recreativas distintos dos que figuren na súa licenza, pero que en situacións excepcionais as xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia  -sempre que se respecten as condicións esenciais da licenza- poden autorizar, con carácter extraordinario, a celebración doutros espectáculos ou actividades. A autorización, se procede, darase para un único espectáculo ou para sesións puntuais dunha actividade determinada e require o preceptivo informe do concello respectivo.

Xunto á normativa e os requisitos necesarios para autorizar este tipo de actividades, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior lembra que as solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de 30 días á data da celebración da actividade e remitirse ás Xefaturas Territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Así mesmo, na carta inclúese a información sobre o procedemento para a inscrición no Rexistro correspondente do plan de autoprotección que, de ser o caso, fose necesario en función do aforo do local onde se vaia desenvolver a actividade.

Os requisitos para a autorización extraordinaria de festas de fin de ano son presentar a licenza do local, o informe do técnico competente de que este reúne as condicións extraordinarias para a actividade que se quere realizar; o seguro de responsabilidade civil para esa actividade (ten que cubrir os días 31 de decembro e 1 de xaneiro); a memoria da actividade que se vai realizar (baile, cotillón, concerto, etc), número de localidades que se porán á venda e o seu prezo, horario de iniciación e de peche da actividade extraordinaria; e o informe do Concello. Para máis información pode consultarse o apartado correspondente a horarios na páxina web da Consellería de Presidencia: http://cpapx.xunta.es/informacion-sobre-horarios-de-espectaculos-publicos.

Lea también

Ortigueira, galardonada en el I Premio ‘Pioneiros da Pizarra’

El Concello de Ortigueira ha sido reconocido con el I Premio ‘Pioneiros da Pizarra’, un …