A área de Cultura do Concello, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), convoca o VIII Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares, un convite dirixido á mocidade da localidade para que se exprese a través da práctica fotográfica, capturando espazos, lugares, obxectos e situacións da súa contorna que consideren parte da súa identidade; unha forma de observar e recoñecerse en pequenas historias e paisaxes, vencellándose así coa memoria colectiva aresá.
Poderá concorrer todo mozo ou moza de 8 a 18 anos, empadroada en Ares ou que sexa alumnado do CPI As Mirandas nalgunha das dúas categorías habilitadas: categoría A (de 8 a 12 anos) ou categoría B (de 13 a 18 anos).
Estipúlase dentro de cada unha dúas tipoloxías de galardóns, cunha cámara de fotos ou tablet para o 1º Premio e un lote de libros para o 2º e 3º Premio. As fotografías gañadoras formarán parte do calendario do concello 2025 que se reparte por todo o municipio, sempre coa autoría debidamente identificada.
O prazo de presentación das instantáneas arranca este luns 7 de outubro, estendéndose até o 31 de outubro ás 20:00 horas.
Os participantes poden mandar un máximo de dúas fotografías ao correo electrónico concursofotografia@concellodeares.com, co asunto VIII Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares, incorporando ademais os formularios de participación e de identificación debidamente cubertos e asinados, xa dispoñibles en www.concellodeares.gal.
No caso de que nas fotografías aparezan terceiras persoas deberán achegar tamén escaneada a autorización de imaxe asinada por elas.
En termos técnicos, as fotografías deberán ter un formato JPGEG ou JPG, sen ningún tipo de edición ou mellora, e un tamaño de 6 a 12 megapíxeles. Terán que ser orixinais, tomadas ao longo do 2024 e non publicadas con anterioridade.
O xurado designado pola Concellaría de Cultura elixirá un total de 6 fotos, 3 dentro de cada categoría, seguindo criterios de creatividade, orixinalidade da instantánea, representatividade de Ares e adecuación ás bases do propio certame.
Para máis información ou dúbidas, pódese preguntar na OMIX (Edificio Alianza Aresana, rúa María 11) ou no teléfono 981 448 057.