Cedeira celebra a XVIII Edición da Xuntanza de Palilleiras e Labores Tradicionais

Ata o día 6 está aberta a inscrición no evento, no que se reunirán artesas de toda Galicia e tamén de fóra da comunidade.

A Asociación de Mulleres Vila de Cedeira ten aberto ata este próximo domingo día 6 o prazo de inscrición na XVIII Xuntanza de Palilleiras e Labores Tradicionais que se vai desenvolver, co apoio do Concello, o vindeiro 19 de outubro. Segundo explica a presidenta da entidade, Ángeles Villar Fraguela, na edición de 2023 o encontro reuniu unhas 260 artesás, pero as celebradas antes do parón da pandemia chegaban a reunir preto de 400 persoas. De momento a maioría das agrupacións inscritas son da contorna, porén está apuntada tamén unha agrupación de Asturias e outras de diferentes puntos de Galicia.

A xuntanza servirá unha vez máis para amosar a vitalidade que ainda ten este tipo de traballo artesanal, tamén entre a xente moza, e para compartir e intercambiar coñecementos entre unhas e outras. Son unha inmensa maioría de mulleres, pero tamén hai homes, explica Ángeles Villar, e alomenos nesta ocasión está inscrito un na xuntanza.

O encontro desenvolverase no pavillón polideportivo municipal desde as 10.00 horas e durante toda a xornada, cunha parada de 14.00 a 16.00 horas para que as participantes poidan saír a xantar. Ademais das mesas nas que as participantes estarán palillando, ao redor haberá postos de venda de artesanía.

A Asociación de Mulleres da Vila realizará ao longo da xornada varios sorteos con diferentes premios, doazóns do comercio e a hostalería da zona, entre eles unha noite nunha casa rural. Tamén teñen previsto agasallar a todas as artesás participantes e ás profesoras cun detalle, un traballo feito por elas en patchwork, e entregar premios á palilleira ou palilleiro máis maior e á de menor idade, así como a agrupación máis numerosa e á que veña de máis lonxe.

Ángeles Villar anima a toda a veciñanza e xente da contorna a acudir ese día ao pavillón para ver en vivo este traballo, que “é todo un espectáculo”, o mesmo que fan desde o goberno local.

O Concello quere ademais quere poñer en valor o gran traballo que fai a asociación Mulleres da Vila, tanto na organización deste evento como no resto das actividades que desenvolven ao longo do ano, xa que son un piar importante para fomentar a convivencia e a vida activa das veciñas.

As inscricións poden facerse chamando aos números de teléfono 649 70 39 98 ou 636 787 265.

Lea también

Pilar Lozano Yáñez foi elixida responsábel comarcal do BNG

O BNG continúa o proceso de renovación dos seus organismos de dirección despois da celebración …