Se ultiman os preparativos da II Carreira Solidaria «As Pontes Contigo»

O salón de plenos municipal do Concello das Pontes, acolleu este martes 24 o acto de presentación da segunda edición da carreira e andaina solidaria “As Pontes contigo”, organizada pola Asociación de Discapacitados Activos das Pontes “A Xanela”, en colaboración co Concello das Pontes, e que se vai celebrar este domingo 29 de setembro a partir das 10:00 horas.

Tania Pardo, concelleira de Benestar Social e Igualdade, abría o turno de intervencións manifestando o “orgullo que sentimos como Concello de poder apoiar proxectos como este, que no que se pón en valor a importancia do coidado de persoas con diversidade funcional e tamén persoas maiores”. Ademáis tamén subliñou que todo o traballo que leva a cabo “A Xanela” sae adiante grazas ao persoal da asociación, así como os voluntarios que colaboran con eles.

Así mesmo, a concelleira recoñecía que “As Pontes é un concello solidario, e o vindeiro domingo o Concello estará alí para dar apoio, e as concelleiras estaremos alí para participar”, en alusión á súa compañeira de corporación Elena López, tamén presente no acto”.

Pola súa banda, Carlos Castro, presidente da Asociación “A Xanela” quixo agradecerlle ao Concello a implicación coa asociación neste e noutros proxectos que emprenden; agradecemento que quixo facer extensivo a tódalas persoas que colaboran coa asociación en tódalas súas actividades.

Aproveitou tamén a ocasión para convidar á xente a participar nesta actividade deportiva solidaria, adaptada a tódalas idades e condicións de mobilidade, na que se poden inscribir a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ou na propia sé da asociación, na rúa Xanela.

A continuación interviña María Sanmiguel, educadora social da asociación “A Xanela”, que agradecía o extraordinario apoio por parte do Concello a esta iniciativa solidaria.

Asemade, daba conta máis polo miúdo do desenvolvemento do evento, indicando que comezaría o domingo 29 de setembro ás 10:00h coas carreiras infantís, e xa arredor das 11:15h sairá a carreira absoluta. Cuns minutos de diferencia, dará comezo a andaina.

Quixo anunciar tamén que se ampliaba o prazo de inscrición ata o vindeiro xoves 26 de setembro, desexando que a xente se anime a acompañalos a pasar un día solidario e en comunidade.

Tamén ese mesmo xoves 26 estarán dispoñibles no local da asociación, na rúa Xanela, os dorsais das persoas inscritas que participen na andaina.

Ademáis anunciou que o domingo haberá un stand da asociación “A Xanela” con diferentes obxectos de “merchandising” para que a xente que se achegue poida colaborar con eles.

Elena López, concelleira de deportes, detallou o percorrido da proba, que no caso da andaina será de 3,5 quilómetros, saíndo da rúa 8 de marzo, pasando pola avda. de Galicia, avda. da Habana, Celso Emilio Ferreiro, rúa Monte Caxado, e rematará novamente na rúa 8 de marzo fronte ás dependencias da policía local.

No caso da carreira, homologada dentro do circuito da Federación Galega de Atletismo, terá un percorrido total de 5 quilómetros, que comparte parte do percorrido coa andaina, pero na rúa Celso Emilio Ferreiro subirá cara As Campeiras, baixará pola zona dos institutos e o circuito de karts, chegando finalmente á meta na rúa 8 de marzo.

Tamén quixo lembrar a concelleira Elena López que “As Pontes é un pobo solidario pero moi deportista, e creo que este evento é un exemplo, sobre todo para os nenos e as nenas desta vila, de que o deporte é algo máis alá da competición, e que calquera persoa, independentemente da súa condición física, pode facer deporte”.

Quixo darlles tamén agradecerlle aos diferentes departamentos do Concello das Pontes implicados na organización desta proba deportiva, como Cultura ou Obras e Infraestruturas, así como á Policía Local e Protección Civil; e finalizaba este acto de presentación convidando a toda a veciñanza a participar nesta xornada de deporte solidario.

Lea también

Mugardos acuerda la mejora de la envolvente térmica de la Casa de la Cultura

En la última Junta de Gobierno Local (JGL) celebrada en el jueves 12 se aprobó …