Marián Ferreiro participou no acto de presentación dos Premios Youtubeiras+ na UDC

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asistiu este martes ao acto de presentación dos Premios Youtubeiras+, celebrado na Reitoría da Universidade da Coruña.
 
Trátase dun proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre eles o de Narón, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.
 
O prazo de inscrición na oitava edición, baixo o lema “Fachenda ao cadrado”, abre hoxe e ata o 15 de novembro, podendo consultar as bases na web: www.youtubeiras.gal. Nesta edición os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK.
 
Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, unha comunidade que consideramos que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+”, explicou Cristina López Villar, vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña.
 
Na súa intervención a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, abriu a súa intervención para darlles a benvida aos concellos que este ano se incorporan a Youtubeiras+. “Amosamos o noso agradecemento a Ferrol, Oleiros e Narón por decidirse a dar o paso e formar parte deste proxecto”.
 
Neste certame poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.
 
Os Premios Youtubeiras+ repartirán nesta nova edición 7500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal.
 
O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén até o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos. Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado desde o 25 de novembro ao 5 de decembro.
 
A alcaldesa de Narón destacou que “a través desta iniciativa continuamos plasmando o compromiso da nosa cidade coa nosa lingua, o galego, e neste caso cunha proposta dirixida a un colectivo moi específico, as persoas creadoras de contidos”. Ferreiro animou ao colectivo a participar neste certame e a divúlgalo para que a participación sexa cada ano maior.
 

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …