Inscrición en Narón nun curso de Xestión de almacén-loxística

A concelleira de Formación de Narón, Natalia Hermida, anunciou a apertura este venres ás 8:30 horas, do prazo de inscrición nun curso de Xestión de almacén-loxística.

A convocatoria, tal e como indicou a edil, diríxese a un máximo de 15 persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, se ben poden apuntarse persoas desempregadas maiores de 18 anos doutros concellos que accederán á acción formativa no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas de Narón.

A convocatoria desenvolverase, segundo as previsións, do 3 de outubro ao 18 de decembro deste ano no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. As clases impartiranse de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres (do 3 de outubro ao 25 de novembro) e as prácticas profesionais non laborais en empresas serán 5 horas ao día, no horario que se determine, do 26 de novembro ao 18 de decembro (un total de 80 horas).

As persoas interesadas en anotarse poderán facelo ata o vindeiro 26 deste mes ás 13.30 horas a través do Rexistro xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón, ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A duración do curso será de 250 horas e quince máis dun módulo adicional. O alumnado abordará contidos como tipos de almacén, estrutura e organización; prevención de riscos laborais en actividades de almacenaxe; loxística, inventario de existencias, sistemas e equipos para a xestión de almacén, manexo e condución de carretilla elevadora…

A maiores, realizaranse 15 horas adicionais sobre un módulo transversal para o desenvolvemento de habilidades na procura de emprego.

O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e as persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …