Concello de Narón e ASCM convocan un curso básico de voluntariado

A concelleira de Benestar Social de Narón, María Lorenzo, e a presidenta da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate, presentaron o curso básico de voluntariado que se celebrará os días 4 e 5 de outubro e para o que xa está aberto o prazo de inscrición.

A iniciativa diríxese a maiores de 16 anos e impartirase no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. O Concello e a ASCM organizan a convocatoria, que conta tamén coa colaboración da Xunta de Galicia. A acción consta dun total de 16 horas e ten entre os seus obxectivos, tal e como indicou Paula Gárate, “ofrecer aos participantes os coñecementos básicos necesarios para poder desenvolver labores de voluntariado nunha Entidade de Acción Voluntaria e conseguir deste xeito unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

As sesións impartiranse o venres día 4 entre as 9:00 e as 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas e na xornada do sábado 5 en horario de 10:00 a 14:00 e dende as 16:00 ata as 20:00. Voluntariado e habilidades sociais, estatuto das persoas voluntarias, entidades de acción voluntaria, relación entre as persoas voluntarias e as entidades de acción voluntarias, persoas destinatarias de acción voluntaria… forman parte dos contidos a abordar nas sesións.

Nas mesmas, tal e como avanzaron dende a ASCM, empregaranse métodos como debates, xogos de roles, dinámicas de grupo e simulacións, co fin de involucrar activamente ás persoas participantes. Unha vez rematada a formación, no caso de completar as horas necesarias, entregarase un diploma acreditativo.

As persoas interesadas en participar poden anotarse, de balde, ata o vindeiro 1 de outubro, a través do correo electrónico: info@ascmgalicia.org ou do número de whatsapp 604 055 703. En total, ofértanse vinte prazas para esta convocatoria.

A edil de Benestar Social animou ás persoas interesadas en adquirir este tipo de coñecementos a inscribirse nesta convocatoria, “que representa unha moi boa oportunidade para formarse no mundo do voluntariado e poder axudar ás persoas e colectivos que así o precisen tendo unha base para facelo do mellor xeito posible”.

Lea también

Convocado el XX Trofeo «Cidade de Narón» de Tiro con Arco

El Club ARCO Narón, de acuerdo con el Calendario Oficial de la Federación Galega y …