A pasada semana en Narón comezaron a impartirse as actividades do programa municipal de Envellecemento Activo nos dous centros comunitarios municipais e en todos os centros cívicos sociais da zona urbana e rural excepto, no último caso, no de San Mateo, que darán comezo o vindeiro 1 de outubro.
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, indicou que este ano participan un total de 540 maiores nestas propostas, que se impartirán ata finais de xuño do vindeiro ano no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros; no Centro de Maiores das Vivendas da Mariña e nos centros cívicos sociais de Doso, Freixeiro, O Val, Castro, Pedroso, Piñeiros, San Mateo, San Xiao, Santa Icía, Sedes, Xuvia, Alto do Castiñeiro e nas instalacións da AVV Virxe do Mar.
Ioga, memoria, ximnasia rehabilitadora, labores, apoio á informática, lectura e escritura, o obradoiro enredamos, cancións de animación e a iniciativa acompañándonos na soidade son as actividades que se desenvolverán este curso, en horario de mañá ou tarde e de luns a venres, en función da ubicación elixida.
O programa de Envellecemento activo oferta múltiples actividades dirixidas inicialmente ás persoas maiores de 60 anos empadroadas en Narón, aínda que sempre que quedan vacantes se abre a opción para que poidan acudir as maiores de 60 empadroadas noutros concellos ou menores que cumpran os requisitos establecidos, tal e como recordou a edil de Benestar Social.
No caso do programa comunitario, non se fixa o requisito da idade, tratándose de propostas de carácter interxeracional, abertas á cidadanía en xeral, apuntou. “Un ano máis, estas actividades tiveron unha moi boa acollida entre os nosos veciños, que son as que dan vida ao mesmo”, apuntou María Lorenzo.
A edil destacou que “os centros municipais permiten que levemos á zona urbana e rural unha serie de propostas moi variadas nas que os maiores se implican ao cen por cento e tamén ofrecerlle ao colectivo, xunto con persoas de menor idade nas interxeracionais, desfrutar destas propostas e dun tempo xuntos”.