Máis de medio milleiro de persoas asisten á Festa do Río de Terra Galega

A área recreativa de Pedroso será un ano máis o espazo no que Terra Galega celebrará este domingo 8 a súa tradicional Festa do Río, unha celebración fixada no calendario cada mes de setembro para retomar o curso político na cidade.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidirá unha convocatoria na que tamén participarán o secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo; o coordinador local do partido, Ibán Santalla; concelleiras e concelleiros da corporación local, militantes e simpatizantes de TEGA.

A celebración dará comezo sobre as 13:00 horas, cando se iniciará unha sesión vermú amenizada por unha formación musical. Ao remate da sesión musical Marián Ferreiro dirixirase aos asistentes ao acto, algo máis de medio milleiro de persoas, para a continuación dar paso ao xantar de confraternidade, a base de callos e churrasco, que se celebrará baixo a carpa instalada na zona para a ocasión.

O evento continuará pola tarde, cando se retomará a música e tamén se poderá participar en xogos populares, pensados para persoas de todas as idades. Así mesmo, os nenos poderán desfrutar durante toda a xornada dos inchables que se instalarán nas inmediacións da carpa.

O coordinador local de TEGA recalcou que “a Festa do Río representa unha excelente oportunidade para compartir un tempo de lecer e diversión con militantes e simpatizantes do partido e, ao mesmo tempo, para intercambiar opinións sobre a nosa cidade, para a que todos queremos un futuro próspero”.

Santalla incidiu en que esta celebración “ten xa unha gran tradición na nosa cidade” e agradeceu de antemán o respaldo que esta cita ten entre os veciños de Narón, “os que cada catro anos se pronuncian nas urnas e tantas veces nos teñen demostrada a súa confianza maioritaria en Terra Galega, unha confianza que nos levou o pasado ano a obter dez dos vinte e un concelleiros da corporación local”.

“Seguiremos escoitando ós naroneses e traballando día a día para devolverlles esa confianza depositada no noso equipo e facer que ano tras ano sexa cada vez maior”, subliñou Santalla.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …