Inscrición en Narón nunha acción formativa de mantemento de vivendas

O Concello de Narón abre este mércores 4 o prazo de inscrición nun curso de Mantemento de vivendas, do Programa municipal de Formación.

Así o anunciou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, indicando que se trata dunha acción formativa que constará de 400 horas e que se prevé celebrar no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz dende o 17 deste mes ata o 20 de decembro deste ano.

A edil naronesa recordou que se trata dun curso dirixido a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, podendo inscribirse as empadroadas noutros concellos para acceder á acción formativa no caso de que non se cubran a totalidade das prazas con veciños de Narón.

Prevención de riscos laborais; organización dos traballos de mantemento de vivendas; coñecemento, manipulación e conservación de ferramentas, medios e maquinaria; pastas, morteiros, adhesivos e formigóns; traballos de albanelería; traballos con xeso laminado; aplicación de pintura a man e con compresores e pistolas de pulverizar; conceptos básicos de electricidade e instalacións eléctricas interiores de vivenda forman parte dos contidos a abordar neste curso, que inclúe 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas do sector.

En total ofértanse 15 prazas, que se poderán solicitar dende o citado mércores ás 8:30 ata o vindeiro día 10 de setembro ás 13:00 horas a través do Rexistro xeral do Concello, da Sede Electrónica ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro.

As persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109) ou a web do Concello: naron.gal.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …