O vindeiro 8 de setembro na área recreativa de Pedroso celebrarase á tradicional Festa do Río organizada por Terra Galega que o partido celebra anualmente cada mes de setembro. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, participará na convocatoria, na que tamén estarán o coordinador do partido en Narón, Ibán Santalla; o secretario xeral da formación, Guillermo Sánchez Fojo, e edís e ex edís da corporación local naronesa.
A celebración comezará ao mediodía, cunha sesión vermú na área recreativa de Pedroso que se completará con xogos interxeracionais, para persoas de todas as idades.
Ao mediodía, sobre as 14:30 horas, terá lugar baixo unha gran carpa a comida de confraternidade, cun menú a base de callos e churrasco. As persoas interesadas en asistir poderán adquirir os tickets -a un prezo de 18 euros, e os menores de 12 anos de balde- ou realizar as reservas chamando ao número de teléfono 698 166 544, ata completar a
capacidade da carpa.
Despois do xantar un grupo musical amenizará a Festa do río, que anualmente reúne ademais a centos de simpatizantes e militantes de Terra Galega que, xuntos, desfrutan dunha xornada de convivencia.
O coordinador local do partido destacou que se trata “dun día moi importante para o equipo de Terra Galega, no que podemos desfrutar xuntos dunha xornada moi completa na que intercambiar tamén opinións e a nosa visión da cidade que queremos, na que todas e todos temos un obxectivo común, que Narón continúe medrando e sendo un referente no ámbito empresarial, cultural, deportivo… e unha cidade que continúe tamén sendo atractiva para todas e todos os veciños e as persoas que queiran vivir aquí”.