O Concello de Narón dispón de expositores turísticos destinados ao sector hostaleiro e tamén para contar cos mesmos en eventos vencellados coa cidade. A edil responsable da área de Turismo, Natalia Hermida, explicou que un deles está na Oficina de Turismo, ofrecendo un espazo propio no que mostar ás persoas que se acheguen ata alí información sobre os recursos turísticos de Narón.
Hermida explicou que se poderá coller neses expositores de turismo información da campaña “Narón para os teus ollos”, do mapa do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, do Camiño Inglés e o Camiño a Santo André de Teixido, da Tarta de Narón, da ruta dos muíños, do produto turístico “Narón 100”, etc.
Así mesmo, a edil informou que os establecementos hostaleiros e de servizos turísticos interesados en dispoñer dalgún dos expositores co material correspondente, poden solicitalos a través do correo electrónico: turismo@naron.gal. Será preciso indicar o nome do establecemento, o nome e apelidos do/a responsable, e un teléfono de contacto.
“Dende o Concello quixemos dispoñer deste recurso a través do que organizar a información turística da cidade, baseándonos na imaxe oficial do sector en Narón, a da campaña Narón para os teus ollos», apuntou Hermida. A concelleira animou ao colectivo ao que se dirixen, empresas dos sectores hostaleiro e de servizos turísticos, a solicitar estes expositores, “coa finalidade de dar a coñecer os nosos recursos e tamén os da comarca de Ferrolterra”.