Os aresáns viven nestes días un dos fins de semana máis esperados do ano, cunha localidade que se enche de programacións, de persoas caracterizadas e de actividades para tecer unha memoria común: a que nos fala da diáspora galega, dos que marcharon para construír un futuro mellor.
Todo iso agroma neste VII Ares Indiano, unha celebración xa referente na comarca que vén de ser inaugurada esta mañá no salón de actos da Alianza Aresana, precisamente un dos edificios de maior carácter simbólico na vila construído con achegas económicas de emigrantes aresáns.
O acto de inauguración estivo marcado pola presenza do alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, mais tamén do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, amais das entidades tanto patrocinadoras como colaboradoras, axentes fundamentais para a materialización do evento indiano promovido pola concellaría de Cultura.
Na súa benvida, Julio Iglesias Redondo salientou a conexión emocional dos indianos coa súa terra, “pois todos levaban a Ares no corazón e sen as súas aportacións non serían posibles edificios como o CIRS Cervás, a Alianza Aresana e a Tenencia”.
E continuou o alcalde falando precisamente de que non só coa celebración do Ares Indiano se os homenaxea, senón tamén “coa recuperación de libros facsímiles como o que se presenta nesta edición, escrito por Canelo, Manuel Rodríguez Ramos, o cuarto recuperado polo Concello nos últimos anos”.
Tamén o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, enfatizou o “carácter especial que supón o Ares Indiano tendo en conta a relevancia da migración na identidade de Galicia” e fixo fincapé “nas inversións imprescindibles que fixeron os indianos en eidos como a cultura e a educación”. En esencia, a festa aresá axuda a algo fundamental, en palabras de Formoso: “a non esquecer quen somos”.
Proseguindo co acto, tanto eles como a concelleira de Cultura, Alma Barrón, formalizaron a entrega de placas conmemorativas aos representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras, a modo de xesto de agradecemento pola involucración activa destes axentes locais no impulso da celebración. Puxo o broche final a actuación musical do veciño Geno Fernández.
Unha cita lúdico-cultural coa memoria
Co acto de inauguración dáse inicio a toda unha programación con máis de corenta actividades culturais e festivas, poñendo o foco na diversificación de propostas para que todo o mundo atope o seu espazo: dende a troula coas agrupacións musicais da vila e da comarca que percorrerán as rúas ou farán sesións vermús aos obradoiros tematizados ou os roteiros a pé, en barco ou en bus histórico.
Non falta a cita coa divulgación da memoria local, nesta ocasión a través dapresentación da nova edición facsimilar editada polo Concello en colaboración coa Deputación, ‘39 años de mi vida’, escrito polo aresán Manuel Rodríguez Ramos, alias Canelo, e os relatorios do Seminario de Cultura Ultramarina, nin tampouco o encontro co polifacético Cayetano Lledó, que xa percorre as rúas do núcleo urbano para debullar a riqueza indiana da arquitectura de Ares.
Entre outras propostas, esta tarde regresará a actividade con degustación de bocatas criollos no Parque Rosalía, feitos polo Club de Remo de Ares, e achegarase o torcedor de puros profesional Ginés Bravo, que fará en directo habanos no stand municipal do paseo marítimo.
Haberá espectáculos familiares de malabares con lume, exhibiciónse clases maxistrais de baile latino, obradoiros infantís… E Álex Rodríguez pechará a xornada coa súa salsa na praza da Constitución.
O Ares Indiano entrelazarase este domingo 18 con outro evento relevante, o XXXIII Rallie Teresa Herrera de Automóbiles históricos, que rematará no municipio e permitirá ver verdadeiras xoias da automoción.
Susana Fraguela presentará Enfiando a vida, a novela gañadora do II Concurso de Novela Curta Alén Concello de Ares publicada en Hércules de Ediciones; a ilustradora Branca Escrigas retrará en directo, co seu particular estilo artístico baseado na acuarela, escenas do evento indiano e a cantautora galega SÉS, figura esencial da música contemporánea de Galicia, chegará coa súa reivindicación e forza expresiva como punto e final dunha festa para entender as raíces: as que saben a sal e lembran a nosa condición de migrantes.