“Exitosa” resposta do público á XLVI Mostra de Teatro Galego de Cariño

O Concello de Cariño pechou de xeito “exitoso” a XLVI edición da Mostra de Teatro Galego. O evento, celebrado no municipio entre o domingo 4 de agosto e o sábado 10, deixou 14 espectáculos que encheron de maxia os escenarios do Auditorio Municipal e a Praza da Pulida. Ambos os dous enclaves foron os puntos nos que se desenvolveu unha programación que obtivo unha notable resposta do público, cunha media de asistencia superior ás 110 persoas por representación.

En total, a Mostra de Teatro Galego logrou despachar 83 abonos para adultos. Este pase permitía seguir en vivo as cinco funcións que o evento ofreceu no Auditorio Municipal en sesión nocturna. Pero, a maiores, foron moitas persoas máis ás que se achegaron á instalación para gozar co talento interpretativo de compañías como Náufragos, Malasombra, Culturactiva, Tarabela ou Chévere.

De feito, este último grupo logrou que se colgase o cartel de ‘Non hai billetes’ o mércores coa súa obra ‘As fillas bravas e o mito de ‘Casandra’.

O domingo 4 abriouse a programación co acto de inauguración, no que se fixo a entrega do Premio público adulto 2023 e do Premio público infantil 2023. Neste caso o premio adulto recaeu na Compañía Chévere grazas a súa interpretación da obra ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, mentres que no apartado infantil o recoñecemento foi para a Compañía Náufragos e a súa obra ‘Hugo’.

A continuación o grupo de teatro Barafunda ofreceu un espectáculo itinerante ‘Os zancudos’, que percorreu as rúas da vila para empezar a dotar da cor da Mostra de Teatro a Cariño. Ese mesmo día, cara a noite, a Praza da Pulida ofreceu o espectáculo circense de Mute, ‘Oran-Bi’, para todos os públicos. Con visionado de balde, a praza pública gozou de moi bo ambiente, con máis dun cento de pequenos e maiores presentes e moitos curiosos e curiosas que se achegaron e remataron quedando para seguir a actuación.

O luns 5 de agosto, o espectáculo trasladouse ao Auditorio Municipal. O grupo de teatro Ghazafeglhos e a súa obra ‘Bon Apetit’, para público familiar, vendeu 87 entradas. A eses asistentes hai que engadir a rapazada dos Campamentos de Verán de Cariño. Cunha representación de preto de 40 nenos e nenas, a cifra de asistencia acariñou as 140 persoas nesa primeira obra nun lugar pechado. Pola noite, Malasombra producións e a súa función ‘D.E.P. congregou no Auditorio Municipal a 130 persoas.

O martes, 6 de agosto, Os Náufragos representaron a obra ‘Comenoites’ con 85 entradas vendidas, que xunto á rapazada dos Campamentos elevaron a cifra de asistentes a preto dos 140. Cara a noite, Culturactiva e a súa interpretación ‘As alumnas’ lograron vender 150 tickets.

Na sesión de mañá do mércores, 7 de agosto, o Auditorio Municipal acolleu a función infantil ‘Antón’, un neno diferente’ de Barafunda. Ás 78 persoas de público familiar uníronselle os nenos e nenas dos Campamentos. De noite, o Grupo Chévere logrou o citado cheo absoluto con ‘As fillas bravas e o mito de ‘Casandra’, que acadou unha altísima demanda e mesmo podía ter enchido outro Auditorio.

O xoves 8 de agosto iniciouse coa compañía Baobab Teatro e a súa obra ‘Ás para Álex’. Preto de 20 persoas da Asociación Aspromor achegáronse ao evento para completar unha notable cifra de case 130 asistentes. Na sesión vespertina, Tarabela Creativa, coa súa obra ‘Boa sorte e mala fama’, fixo que se achegasen unhas 120 persoas ao auditorio.

O venres, 9 de agosto, última xornada con presenza no Auditorio Municipal, a función ‘Monstros’, de Excéntricas, congregou a algo máis de 100 rapaces, rapazas e familiares. Pola noite o grupo Náufragos interpretou ‘Noso’ para os 140 asistentes.

O sábado 10, derradeiro día desta edición, a actividade regresou á Praza da Pulida co espectáculo en linguaxe clown e con acrobacias ‘Hoxe si’. Foi un evento para todos os públicos, con entrada de balde, por parte de Culturactiva. Por último, para rematar a programación, a Praza da Pulida acolleu o espectáculo de música, ‘Catuxa Salom’, do grupo Urdime.

“A Mostra mantén o nivel”
Deste xeito, Cariño pechou unha Mostra de Teatro Galego que, por primeira vez, estaba organizada de xeito íntegro polo equipo de goberno liderado por Ana María López. Neste sentido, a edil de Cultura, Laura García, quixo destacar que na súa 46ª edición o evento segue consolidándose “como a gran referencia teatral na comarca”.

Neste sentido, García puxo en valor a resposta do público a pesares de que a Mostra de Teatro sufriu unha leve modificación de datas. “Para evitar que solapase a súa celebración coas festas da parroquia da Pedra, adiantamos unha semana este evento. Pero a modificación das datas tradicionais non xeraron unha peor resposta da xente, ao contrario”, apuntou a responsable da área de Cultura.

Lea también

O Pazo de Mariñán acolle unha nova edición das xornadas ‘A cultura é un dereito’

O Pazo de Mariñán acolle este venres 22 unha nova edición das xornadas de “A …