Esta fin de semana Narón acolle o Gulliver Fest en Pedroso

A área recreativa de Pedroso acollerá dende este venres 9 e ata o domingo 11 a quinta edición do festival da cultura viaxeira Gulliver Fest.

O Concello de Narón, Padroado da Cultura e a Asociación Furgogalicia organizan este evento, cunha ampla programación para os tres días e propostas deseñadas para persoas de todas as idades que se sucederán nos dous escenarios e outros espazos habilitados na zona.

A zona camper e glamping abrirá o venres ás 10:00 horas e pola tarde comezará a programación deste festival, cun obradoiro de upcycling ás 16:00 horas e, a continuación, outro de redución do estrés canino.

Ás 18:00 horas terá lugar a primeira das charlas viaxeiras, Mundo sin rumbo, dun percorrido por Europa en bicicleta do compostelán Juanpe Blanco e ás 19:00 horas haberá unha nova actividade, de primeiros auxilios na natureza aplicado ao mundo camper.

A música comezará ás 20:00 horas con La duendeneta, continuando a xornada cos concertos de Superglú, e Yhe honkie blues band.

O sábado ás 9:00 terá lugar unha sesión de ioga e ás 10:00 dará comezo a carreira de orientación na que os participantes realizarán un percorrido pola zona seguindo unhas balizas que teñen un valor preestablecido e nun tempo cronometrado, gañando a persoa con máis puntos e, en caso de empate, con menor tempo, establecéndose o límite nas 12:30 horas.

Tamén o sábado regresarán as charlas viaxeiras a Pedroso, unha ás 10:00 e outra ás 11:00 horas, a cargo de nómadas dixitais, Anabel e Fede, creadores de El mono migrador, e as súas fillas, Ayla e Inti, que organizan este ano a viaxe dos seus soños, a Panamericana.

Pola tarde continuarán as charlas, ás 17:00 horas con Ebbaba Hameida, sobre unha viaxe forzosa en tempos de guerra; ás 18:00 Mamadou Dia e a xornalista ferrolá Laura Feal abordarán as súas experiencias viaxeiras entre España e Senegal e de acollida de persoas de todo o mundo na súa casa de Gandiol e ás 19:00 horas o aventureiro galego Pablo Nemo, primeiro español en percorrer a pé África durante 800 días, falará das súas experiencias.

O teatro e a música terán tamén protagonismo no programa do sábado, onde as charlas viaxeiras continuarán pola tarde dende as 17:00 horas e tamén haberá un obradoiro de chapas do Gulliver Fest e a música con Gulliver & Fanfarria Taquicardia, La Ganga Calé, La Duendeneta e Festicultores Troupe.

O domingo 11 de agosto haberá unha sesión de ioga ás 9:00 horas e a partir das 10:00 retomaranse as charlas viaxeiras, a primeira coa emprendedora en ecoturismo Aralia Loicherten, sobre as súas experiencias viaxeiras polo mundo, e a segunda coa avogada Cristina Reyes, sobre a volta ao mundo con discapacidade auditiva.

Xogos populares, teatro, competicións e batukada con Tambores da Lagoa completarán o programa matinal. Pola tarde, ás 15:30 actuará Broken Peach e a continuación La Duendeneta e Kumpania Algazarra.

A programación ao completo pode consultarse a través do enlace: https://gulliverfest.naron.gal/actividades/

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …