Finalizan en Ares os traballos de mellora nun tramo da rúa Os Anxos

A concellaría de Urbanismo de Ares vén de informar esta semana do remate das obras que se estaban a executar nun tramo da rúa Os Anxos, que abrangue dende o cruce da rúa San Xosé até a altura da rúa Irmáns Bugallo.

A actuación centrouse nunha mellora dos servizos e dos pavimentos, enmarcada dentro das principais intervencións urbanísticas que se realizan en Ares no marco do POS+2022 da Deputación da Coruña.

O investimento sufragouse entre as dúas administracións, con 79.735,16 euros do ente provincial e 19.933,79 euros do Concello, e supuxo a renovación da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, incluíndo obras civís no alumeado, na electricidade e nas telecomunicacións.

Tamén se cubriu a rúa cunha capa de rodadura de aglomerado para deixar atrás as irregularidades do firme preexistente e se instalou un pavimento de loseta hidráulica similar á anterior, aplicando finalmente a sinalización horizontal en todo o ámbito de traballo.

A obra recentemente finalizada continúa co esforzo de humanización urbanística do Concello, mellorando progresivamente os servizos do casco urbano de Ares, o que inclúe as intervencións dirixidas cara a dignificación da contorna do Porto, en rúascomo a Caramanchón ou a Mártires.

Lea también

As usuarias do taller de coidados de As Pontes recadan fondos para a asociación «Miradas que hablan»

As usuarias do Taller de Coidados, posto en marcha no ano 2019 polo Concello das …