O Chanfaina lab converterá San Sadurniño en plató audiovisual

San Sadurniño converterase en escenario físico e provedor de historias para o encontro audiovisual Chanfaina Lab, que vai xa pola novena edición.

Desde o venres 6 até o domingo 8 de setembro, equipos formados por xente de aquí e outra convidada -moita dela de renome- compartirán o reto de filmar cadansúa curtametraxe dentro dos límites do noso concello, ofrecéndonos un punto de vista sempre novidoso e sorprendente.

Ademais deses tres días de gravación de pezas e intercambio de coñecemento entre participantes, este ano volve haber obradoiros que, como novidade, se afastan das datas centrais.

O programa do 9º Chanfaina lab está xa practicamente pechado. Comezará coa recepción de participantes durante a tarde do venres 6 de setembro, seguida ás 20:00h da Eira de Cineastas -na Casa da Cultura- en que todas e todos se presentan amosando un anaco do seu traballo.

O sábado 7, día de filmacións, a Casa da Cultura acollerá ás 20:00h o ciclo Clásicos Chanfaina lab, dedicado este ano ás pezas producidas nas anteriores edicións que dun xeito ou doutro pousaron a súa ollada no castelo de Naraío, protagonista asemade do cartel.

O domingo 8 de setembro o Chanfaina lab despedirá a súa primeira parte -a segunda será a estrea das pezas en febreiro- mesturando cine e teatro na comedia “Sesión continua” de Bucanero Teatro. A obra, escrita polo desaparecido Lino Braxe, representarase ás 20:00h.

O Chanfaina leva varias edicións programando obradoiros sobre distintos aspectos da creación audiovisual. Este ano haberá tres, separados das xornadas centrais. Así, os días 21 e 23 de agosto de 16:00h a 20:00h, o actor Kevin Lorenzo ofrecerá un taller de técnicas interpretativas útiles para cine e teatro.

Os días 28 e 30 de agosto de 9:30 a 13:30h, o documentalista Domingo D. Docampo falará en “Sobrevivir a unha filmación” sobre a importancia da produción e planificación audiovisual, especialmente complexa cando se trata dun xénero coma o documental.

O último dos obradoiros terá lugar pasado xa o Chanfaina, os días 9 e 16 de novembro de 10 a 13:00h, conducido polo realizador Juan Lesta, quen tratará en “Despois da rodaxe, tesoira” sobre as técnicas de montaxe posteriores á gravación.

Quen queira participar nos obradoiros só ten que enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar aos teléfonos 616 332 919 ou 616 016 793.

Nesas mesmas vías de contacto tamén apuntan xente para botar unha man no Chanfaina lab durante a primeira fin de semana de setembro, xa sexa propoñendo historias, localizando escenarios, guiando aos equipos ou axudando no labor de produción das curtas.

Lea también

As usuarias do taller de coidados de As Pontes recadan fondos para a asociación «Miradas que hablan»

As usuarias do Taller de Coidados, posto en marcha no ano 2019 polo Concello das …