Un total de 92 candidaturas concorren á sexta edición dos premios PEL da Deputación da Coruña, que entregará os galardóns ás mellores iniciativas empresariais da provincia nun acto que terá lugar hoxe xoves, 18 de xullo, a partir das 19:00 horas, no Auditorio de Ribeira.
O evento, aberto ao público e con entrada gratuíta, contará coa presenza do presidente provincial, Valentín González Formoso, e cunha ampla representación do tecido social, económico e empresarial da provincia. A gala será conducida pola actriz e presentadora Marta Doviro e contará coa actuación musical do grupo boirense D´Crooners Band.
O xurado reuniuse hoxe na sede da Deputación na cidade da Coruña, aínda que o fallo darase a coñecer oficialmente durante a gala de entrega dos galardóns PEL 2024 en Ribeira.
Nesta edición, o xurado estivo presidido polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla Ramil, mentres que o cargo de secretario desempeñouno Manuel Vázquez Sesmonde, xefe do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña.
Tamén integran o xurado José Manuel Cotos Yáñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela; Antonio García Lorenzo, catedrático de Escola Universitaria na UDC e membro do grupo de investigación Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento; Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Ángel Noguerol Urrutia, técnico de innovación e emprendemento da Cámara de Comercio da Coruña; Carme Pampín Casal, cofundadora e CEO de Galchimia S.A., empresa gañadora da IV edición dos premios PEL; e Eva González Mata, directora da store negocios de CaixaBank na Coruña.
72.000 euros en premios para as mellores empresas
As candidaturas presentadas optan a un premio de 18.000 euros en cada unha das catro categorías, que son: mellor iniciativa empresarial nova, para pemes, microempresas e autónomos e autónomas que iniciasen a súa actividade empresarial en 2023 ou 2024; mellor iniciativa empresarial consolidada, para pemes, microempresas, e profesionais autónomos que iniciasen a súa actividade en 2019 ou con anterioridade; e mellor iniciativa verde, a gran novidade desta sexta edición, para pemes, microempresas e autónomos e autónomas, asociacións, clústeres empresariais e concellos que conten con proxectos que teñan por obxectivo a transición ecolóxica e enerxética.
Outra das novidades deste ano é que o xurado de expertos outorgará un premio á mellor iniciativa transformadora do rural como recoñecemento ás entidades que conten con proxectos orientados ao desenvolvemento sostible e integrador nestas zonas. Neste caso, os 18.000 euros deberanse destinar a financiar un proxecto a desenvolver pola entidade gañadora.
Tamén se fará entrega dun recoñecemento especial ao mellor comunicador ou comunicadora en materia de economía e empresa pola súa contribución á difusión do potencial económico de Galicia e e as súas empresas.
Récord de participación
Un total de 92 empresas da provincia optan ao premio este ano, o que supón un récord de participación con respecto ás edicións anteriores.
A maior parte das empresas que concorren aos premios teñen a súa sede nos concellos da Coruña (20), Santiago (7) e Ferrol (5). En canto á tipoloxía destacan as microempresas (36), seguidas dos profesionais autónomos (18) e por actividade destacan as empresas de servizos técnicos ou tecnolóxicos. Na catergoría de mellor iniciativa verde concorren, ademáis de empresas, concellos e asociacións empresariais.