Narón retoma a campaña de recollida selectiva de aceites de cociña usados

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos de Narón, Manuel Ramos, informou que na xornada deste martes 16 o Concello retoma a campaña de entrega á cidadanía de embudes para a recollida selectiva de aceite de cociña usado.

Unha campaña que se levou a cabo en anteriores ocasións noutros puntos da cidade, como o Pazo da Cultura e o Centro Comercial Narón, tal e como recordou, e que nesta ocasión permitirá que os veciños recollan os embudes nas instalacións da nave de servizos do Concello e do Punto Limpo municipal.

As persoas interesadas nos embudes poden solicitalos na nave de Servizos, ubicada no quilómetro 1 da estrada de Cedeira, en horario de 8:30 a 13:00 horas, e tamén no punto limpo municipal, no polígono de Río do Pozo, de luns a venres entre as 9:00 e as 13:00 e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 horas.

O edil naronés recordou que os aceites de cociña usados recollidos poden depositarse en calquera dos colectores ubicados na cidade para este fin e mesmo no punto limpo de Río do Pozo. “Queremos contribuir a que cada vez sexan máis os veciños que recollan os aceites de cociña usados, algo máis sinxelo coa axuda destes embudes, e deste xeito evitar contaminación e gastos derivados de posibles atascos ou avarías na rede de saneamento”, asegurou.

O Concello encárgase de trasladar eses aceites usados a unha planta de reciclaxe para poder obter biodiésel. A campaña da que forma parte esta iniciativa conta co respaldo da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre esta campaña tamén poden contactar coa nave de Servizos do Concello, chamando ao número de teléfono 981 397 007.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle un espectáculo de danza e música tradicional

O Pazo da Cultura de Narón acolle este sábado 30, ás 20:00 horas, un espectáculo …