A alumna do máster en Enxeñaría en Deseño Industrial, Mileydis Espinosa Rodríguez, e o alumno do máster en Enxeñaría Industrial, Leandro Alejo Rodríguez Álvarez, veñen de acadar as dúas Bolsas de Verán que ofertaba o Campus Industrial de Ferrol para este curso 2023/24.
O período de prácticas comezou o pasado luns 1 de xullo e remata o 30 de setembro. O estudantado da Universidade da Coruña seleccionado nesta segunda convocatoria realizará un total de 200 horas de prácticas e percibirá unha axuda mensual de 523,17 euros.
A alumna da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Mileydis Espinosa Rodríguez, está a analizar, baixo a titorización do investigador individual do Campus Industrial de Ferrol, Rodrigo Martínez Rodríguez, como poden influír e contribuír as ferramentas de Intelixencia Artificial xenerativa nas distintas fases do proceso de deseño: na investigación, na conceptualización e máis no desenvolvemento.
Pola súa banda, o alumno da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Leandro Alejo Rodríguez Álvarez, está a traballar, baixo a titorización da investigadora do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña, Anne Gosset, na procura das causas que provocan variacións no tratamento térmico dunha peza de aceiro, botando man das librerías abertas de Dinámica de Fluídos Computacional, como pode ser OpenFOAM, para así poder simular as súas condicións dentro do forno.
O estudante levará a cabo o seu proxecto nas instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e en colaboración coa empresa COGALTRA, promovida polo Grupo Intaf e Tumbadoiro, coa participación de Mecanizados Moan, Demaq e Ipargama.
A II Convocatoria de Bolsas de Verán do Campus Industrial de Ferrol estaba dirixida ao alumnado matriculado no último curso de grao ou de máster de calquera das titulacións do campus co obxectivo de incorporalo ao día a día do persoal e dos grupos de investigación que traballan nos eidos da robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos industriais, a enxeñaría naval e offshore, a xestión industrial ou o desenvolvemento de produto.
Un comentario
Pingback: Noticias sobre el sector naval en Galicia. 10 07 2024 - Delegación del COIN en Galicia -