Paseo de Pontedeume a Redes pola beira da ría de Ares

José Fonte Sardiña

Despois da noite de San Xoán e de saltar o lume purificador como manda a tradición ―este ano tocounos facelo na magnífica festa que a asociación de veciños organiza nos Tilos, onde lles chaman cacharelas―, lembro os folións eumeses da miña infancia ―os grandiosos das prazas aínda de terra da Calzada e o Convento e dos barrios das Casas Baratas, o Picho, e o Souto da Vila, ou o máis modesto que faciamos nas Virtudes― nos que se queimaban os cadernos do traballo de todo un curso escolar, os caducos xornais que non foran reciclados para envolver as cousas e os mobles vellos que se recollían polas casas cando nos concellos aínda non había punto limpo, penso
inevitablemente que xa se achega o verán e está máis próximo o tempo de volver á miña vila eumesa e á nosa ría Ares (Ilustración de Castelao da noite de San Xoán e foto de Pontedeume e a ría de Ares).

Debuxo de Castelao

Cando eu era un neno, despois do longo curso escolar ―primeiro como parvuliño na vella Cátedra na que estudara o reverendísimo arcebispo Rajoy e que hoxe acolle a Biblioteca Poeta Ramiro Fonte, logo no Agustín Tenreiro, no Pescador, no Couceiro e finalmente, xa un rapaz, no instituto eumés―, que remataba xustamente na noite de San
Xoán, no verán, a ría de Ares, pola que navegabamos no noso caiuco, o Cariña de Rosa, era para nós unha segunda casa, e as penas do Soldado e A Macuca ―no concello de Pontedeume―, O Mourón e As Mirandas ―no concello de Ares―, as nosas principais referencias xeográficas. Avisados polo dito popular de que o que pasou A Marola ―no
concello de Oleiros― pasou a mar toda, esta quedaba decote fóra dos nosos límites pois non parecía aconsellable facer esa travesía con cinco cativos nunha pequena embarcación (Foto da pena do Mourón, de María José López Cernadas).

Mourón

Navegando pola de Ares, aprendéronme fermosas lendas como a que asegura que as catro rías que forman o golfo Ártabro naceran entre os dedos da man dereita da divindade cando, despois da creación do mundo, o sétimo día, se botou a descansar; a que conta como foron salgadas as augas do Esteiro do Eume; a das tres donas transparentes, que enfeitizaron a vila de Pontedeume; a da Francesiña, que morrera ao pé da Ponte de Ferro; a do soldado, que afogara na pena da praia de Zopazos; a da serea da fonte encantada das Fragas do Eume, que hoxe seica vive no Mourón; a da serea das Mirandas, que casara cun fidalgo da liñaxe dos Mariño; a que desvela o motivo polo que o río Eume veu morrer nas augas do Atlántico e tantas outras; e tamén fun feliz nas súas praias, vendo de cando en vez os golfiños nadando ditosos pretiño de nós, ou pescando fanecas na Macuca, robalizas á cacea, luriñas coas poteiras e mesmo algún polbo, seguindo sempre os bos consellos do meu pai, o patrón maior do noso humilde
Cariña de Rosa (Foto dos golfiños na ría de Ares, de Chuspi Veiga).

Golfiños

Navegar pola ría de Ares é unha auténtica regalía; así e todo, as vistas do mar desde terra son tamén marabillosas. A andaina que vos propoño comeza en Pontedeume na ponte de pedra e continúa polo actual paseo marítimo de Cabanas no que, antes de que se perpetrase o que eu chamo o “tambricidio”, había unha praia que os eumeses, con
razón pero sen dereito, considerabamos nosa e as autoridades de Cabanas, con dereito pero sen razón, decidiron destruír nos anos oitenta para poder eliminar o paso a nivel con barreira que había preto do Apeadeiro (Foto da aniquilada praia do Tambre).

Tambre

Coa lembranza do vello Tambre arrebatado, botamos unha mirada cara á ponte de pedra, o castelo de Andrade e os caiucos da ribeira, e despedímonos da vila. Cruzamos por debaixo da ponte do ferrocarril ―que gusto dá vela restaurada e tan ben pintada de azul― e camiñamos pola beira da praia da Madalena, coa compañía do espigón e o
fermoso piñeiral ―no concello de Cabanas―, a pena do Soldado coa imaxe da Virxe do Carme en Zopazos, a pena da Macuca e a sombra protectora do Breamo ―no concello de Pontedeume―, o noso monte sacro, en cuxa capela de San Miguel conta unha lenda, relacionada co rosetón da fachada principal, que se lles apareceu o Neno
Xesús aos templarios que a custodiaban na Noiteboa de 1187 (Fotos da ponte de pedra eumesa e da Virxe do Carme na pena do Soldado).

Ao final da praia da Madalena, cómpre subir unha escaleira de madeira que nos conduce a un sendeiro que percorre toda a costa e pasa, entre piñeiros, carballos, castiñeiros e algún que outro intruso eucalipto, á beira mesma das praias de Chamoso ―no concello de Cabanas―, Río Castro, Almieiras, Coído, Río Sandeu ―no concello de Fene― ou Area Morta, xa na entrada de Redes ―concello de Ares―, que aínda conserva as antigas cabrias onde os mariñeiros poñían a secar os seus aparellos que lles dan nome á fermosa localidade e ao seu pequeno porto.

Enfronte, vemos algúns barquiños navegando pola ría e o impoñente monte de Breamo, que mostra o porqué do seu topónimo ―Breamo vén do celta Brigamo, que se compón da forma brig, que significa monte ou lugar elevado, e o sufixo superlativo amo, que equivale a supremo, monte supremo ou moi elevado, xa que logo― e xustifica a
existencia, xa en tempos prerromanos, do culto que recibiu dos pagáns o mesmo monte ou algún monumento que antigamente houbera na súa cima. Ao pé do Breamo, a visión da parroquia de Centroña e o seu templo faime lembrar aquela canción que o meu pai nos aprendera cando por alí pasabamos de nenos no Cariña de Rosa: “Al pasar por Centroña, / los marineros, / saludando a la Virgen, / alzan los remos”; e así o facíamos nós, no caiuco, obedecendo o mandato da vella cantiga popular (Foto dos barcos na ría e a parroquia de Centroña).Ao chegar a Redes, esa marabillosa localidade mariñeira que tan ben teñen coidada o alcalde aresán, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e a concelleira de Turismo, a nosa paisana Lucía Blanco García, facemos primeiro unha paradiña na terraza portuaria para coller folgos e visitamos logo o seu miradoiro da punta do Castelo, que alberga antigas
baterías dunha fortaleza defensiva do século XVIII hoxe en ruínas, desde onde a ría de Ares nos volve agasallar con toda a súa beleza (Fotos do monte Breamo e a ría de Ares desde o miradoiro e da pena do Mourón no solpor).

Xa co solpor, regresamos a Pontedeume polo mesmo camiño e despedimos como se merece o mítico Mourón, que nos fai lembrar novamente a lenda da serea que seica alí vive.

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …