Narón oferta 20 prazas nun itinerario formativo de Prevención de Riscos Laborais

O Concello de Narón abre este luns día 1 de xullo, ás 8:30 horas o prazo de inscrición nun itinerario formativo de Prevención de Riscos Laborais (60 horas), Prevención de riscos laborais e medio ambiente no sector naval (16 horas) e Prevención de riscos laborais en espazos confinados e traballos en altura (16 horas).

A edil de Formación, Natalia Hermida, informou que se ofertan un total de vinte prazas para estas accións do Programa Municipal de Formación. As sesións diríxense a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e tendo preferencia as empadroadas en Narón.

A selección do alumnado será por rigoroso orde de inscrición no Rexistro e no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas empadroadas en Narón, poderán realizar o curso veciñas e veciños doutros concellos.

O prazo de presentación das solicitudes rematará o día 5 de xullo ás 13:00 horas, tal e como indicou a edil naronesa.

Conceptos básicos sobre seguridade no traballo; riscos xerais e a súa prevención; riscos específicos e a súa prevención no sector correspondente á actividade da empresa; elementos básicos de xestión da prevención de riscos laborais; primeiros auxilios; prevención de riscos no sector naval; medio ambiente no sector naval e prevención de riscos laborais nos traballos en altura e nos espazos confinados forman parte dos contidos deste itinerario.

Así mesmo, o alumnado realizará módulos transversais de igualdade de oportunidades, emprendemento e orientación laboral e busca de emprego.

O itinerario formativo desenvolverase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, do 15 de xullo ao 20 de agosto, segundo as previsións. As sesións impartiranse de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres do 15 de xullo ao 1 de agosto e o 12, 19 e 20 de agosto. Nas xornadas do 2 ao 9 e do 13 ao 14 de agosto impartiranse de 9:00 a 13:00 horas.

As persoas interesadas en asistir deberán presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Narón, de 8:30 a 13:00, Sede Electrónica, ou polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a Sede electrónica, sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais ou contactar co Servizo Sociocomunitario, teléfono 981 33 77 00 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …