Máis de 50 mulleres recibiron en Narón os diplomas dos obradoiros para inclusión social

Algo máis de medio cento de mulleres que participaron nos obradoiros do programa municipal de Apoio para a inclusión social a mulleres recibiron os seus diplomas no Auditorio municipal de Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, foi a encargada de entregarllos xunto coa edil de Benestar Social, María Lorenzo, conversando posteriormente coas alumnas destas accións, encamiñadas a diminuír os factores de risco social e ofrecer proxectos formativos cun fin prelaboral e social.

As clases impartíronse dende o pasado mes de outubro e remataron na xornada do venres 27. En total, 26 mulleres acudiron aos obradoiros Volve a clase, en dúas quendas e incluído o de alfabetización- impartidos na Casa da Mocidade de luns a venres, en horario de mañá e de tarde.

Un total de 10 asistiron ao de Apodérate, na Casa da Mocidade, os martes e xoves pola mañá, e as 17 restantes aos de habilidades prelaborais de hostalaría e habilidades profesionais e introducción ás novas tecnoloxías, estes últimos impartidos no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, tamén entre os luns e venres en horario de mañá.

A rexedora local destacou que o obxectivo principal destas convocatorias foi “o apoio e acompañamento ás mulleres no proceso educativo e sociolaboral, promovendo o feito de que desenvolvesen unha serie de habelencias para avanzar na aprendizaxe de diferentes contidos”.

Ferreiro felicitou a todas as alumnas que remataron os diferentes obradoiros e animounas a continuar formándose de cara a mellorar a súa posible empregabilidade.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …