Persoal do servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol visitou recentemente a exposición “O Concello de Narón coa saúde mental”, que permanece ata mañá mércores nas instalacións do Hospital Naval de Ferrol, tal e como recordou o concelleiro de Sanidade, Manuel Ramos. A edil de Benestar Social, María Lorenzo, visitou tamén a exposición.
A mostra está formada por sete displays nos que se ofrecen datos sobre a saúde mental; se aborda o compromiso do Concello de Narón con esta temática, que levou a editar recentemente unha guía de recursos sobre saúde mental e a desenvolver varios programas que incluíron charlas abertas á cidadanía a cargo de profesionais na materia. Tamén nestes paneis se comparten algunhas frases que escoitamos habitualmente sobre estereotipos vencellados á saúde mental e que invitan á reflexión, ofrecendo alternativas para expresarnos correctamente.
Esta mostra, que ademais incorpora un photocall para dar visibilidade á importancia da saúde mental, ten un carácter itinerante e estivo xa no Concello. A previsión é que durante os vindeiros meses poida levarse a outros espazos municipais e tamén outras posibles ubicacións co fin de dala a coñecer entre a cidadanía e facilitarlles algúns dos recursos á súa disposición, segundo apuntou Ramos.
O edil naronés agradeceu a implicación e colaboración da Área Sanitaria de Ferrol.