Xabier Vizcaíno, músico, cantautor, xurado do festival “O Talentiño” – que celebrou xa en Ferrol a súa segunda edición-, ven de públicar o sinxelo “Tóxico”. Trátase do primeiro tema que servirá de adianto para o que será o seu novo traballo. Dende Galicia Ártabra puxémonos en contacto co cantautor do Incio para conversar sobre o seu novo proxecto.
Galicia Ártabra: Para quen non coñeza a Vizcaíno, que podemos atoparnos nas súas cancións?
Xabier Vizcaíno: «Nas cancións pódense atopar moitos versos de amor, de desamor… pódense atopar alegrías, penas… o que intento é que sexan cancións honestas e que conten dalgunha maneira pequenas historias no tempo que dura unha canción de 3 minutos».
G.A. Algúns chegaron a definirte como o cantautor country galego, podería ser unha boa definición de Vizcaíno?
Vizcaíno: «Pois non che sei… non sei quen o dixo… pero si é certo que teño tintas de este tipo de música xa que a levo escoitando moitos anos, e por suposto que as influencias de esa música están sempre presentes. A verdade é que non son moito de etiquetas pero se alguén me calificou así non hai problema».
G.A. Ademais de cantautor, escritor? Despois da pandemia saía a luz o teu primeiro libro “Neno de Monte” e xa está esgotado. Contento do éxito do teu último traballo?
Vizcaíno: «Para nada me sinto escritor, quédame moi grande esa palabra. “Neno de Monte” foi un capricho, un guiño que eu quixen facer ao noso neno do monte, ao noso paraíso rural. A verdade, foi unha experiencia moi enriquecedora e moi traballada xa que eu escribo cancións e non relatos. Pero o caso é que me sinto contento de como quedaron os relatos e estou moi satisfeito coa boa acollida.
Estamos xa agardando a ver se podemos facer unha segunda edición do libro. Pero dende logo que moi satisfeitos e moi contentos co resultado final».
G.A. Este venres estreábase o teu novo sinxelo “Tóxico”. Que nos atopamos neste tema? Como é o proceso de composición?
Vizcaíno: «“Tóxico” é unha canción que hasta eu non a agardaba se che digo a verdade. O que ocorre é que estamos dentro dun mundo con ese punto tóxico que ao final acaba afectando a todo tipo de persoas e relacións.
Ultimamente levaba un tempo coñecendo relacións con ese tipo de toxicidade e aínda que non era un tema que eu tiña en mente acabou saíndo, e como di a propia canción hai que deixalo ir.
«Tóxico» é unha canción no que o texto intentei afialo o máximo posible, e aínda que non é un tema comercial, mais ben todo o contario, apetecíame facelo e contalo… e aí está».
G.A. “Tóxico” entendemos que será o sinxelo co que voltaremos a ter traballo de Vizcaíno… Cando sairá a luz un novo traballo?
Vizcaíno: «Pois é a primeira canción que vai abrir este novo traballo, esta nova colección de cancións que se todo vai ben terémola a finais deste ano».
G.A. Hai pouco estiveches en Ferrol co “Talentiño” xunto o equipo que formades a túa irmá Lucía Pérez e os
ferroláns Eva Faraldo e Joaquín Enríquez… unha boa experiencia?
Vizcaíno: «Evidentemente este tipo de concursos e festivais tratándoos con cariño e respecto absoluto, que calquera neno se queira expresar en calquera forma de arte, enriquecen a xuventude e aos nenos.
Creo que se deberían facer máis certames coma este, a pé de rúa, non tanto ó estilo dos grandes formatos de
televisión dos que non estou tan a favor.
Esto é outra cousa, a convivencia é outra, a naturalidade é outra. A naturalidade ademais é importante terlle pés firmes para que logo aínda que te queiras disfrazar podas facelo cos pés na terra. En definitiva, festivais coma o «Talentiño» creo que son enriquecedores tanto para os nenos como para os que os vemos dende fora».
G.A. Cales son os proxectos máis inmediatos ademais do teu próximo traballo?
Vizcaíno: «Os proxectos inmediatos son concertos con Lucía Pérez, de Xabier Vizcaíno, con outros compañeiros, continuar gravando o meu próximo traballo e sobre todo atender á familia e ós amigos».
“Prestaríame moito un concerto en Ferrol coa miña banda”
G.A. Ademais de verte o vindeiro ano no Talentiño xunto ós teus compañeiros, teremos pronto concerto teu en Ferrol ou na contorna?
Vizcaíno: «Pois a Ferrol se che son sincero estiven moitas veces compartindo escenario con Lucía Pérez e co ferrolán Marcos Mella no Teatro Jofre. Ademais presentei o libro “Neno de Monte” no barrio de Canido. Pero sinceramente, apeteceríaseme moito facer un concerto con banda. Coa miña banda nunca estiven en Ferrol. Así que encantaríame poder ter a oportunidade de estar nesta cidade en concerto. Prestaríame moito».