A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, anunciou este luns 3 a apertura ao público do parque da auga ubicado no paseo marítimo de Xuvia, que supuxo un investimento duns 230.000 euros.
A rexedora local estivo acompañada polo edil de Obras e Urbanismo, Pablo Mauriz, na xornada na que se abriu o recinto, para que poidan desfrutar destas novas instalacións os nenos, cumprindo sempre a normativa das mesmas, indicada a través dun panel.
Ferreiro avanzou que as instalacións estarán operativas ata o 15 de setembro, de luns a domingo, en horario de 12:00 a 21:00. Ferreiro premeu o dispositivo que acciona durante dous minutos o funcionamento dos diferentes xogos e chorros de auga, instalados sobre unha plataforma duns 200 metros cadrados.
O equipamento funciona a través dun depósito xeral de auga de 8.000 litros que recirculan e dispón, tal e como apuntou a alcaldesa, de dous sistemas de depuración, un para posibles areas e outro para a cloración, coas súas respectivas bombas.
Nas inmediacións do recinto está instalado un panel informativo no que se especifican as normas de uso do parque de auga municipal. As usuarias e usuarios deberán estar baixo supervisión dunha persoa adulta; usar calzado axeitado e no caso de ser menores de dous anos, levar cueiros.
Así mesmo, está prohibida a entrada de animais, comer e beber dentro da zona dos xogos, entrar con obxectos de cristal ou cortantes e usar patinetes ou patíns. Os teléfonos de mantemento e emerxencias completan o panel informativo, no que tamén se indica que o período de apertura do parque de xogos será do 15 de maio ata o 15 de setembro.
“Dende hoxe os nenos de Narón dispoñen dun novo equipamento de lecer que completa neste caso á oferta xa existente no paseo marítimo de Xuvia”, asegurou Ferreiro.
A alcaldesa recalcou que se trata dun parque pensado para menores de 1 a 14 anos e destacou a variedade de elementos que o compoñen, entre os que están unha gran palmeira de auga, un cubo que expulsa unha gran cantidade de auga ao encherse, un canon propulsor, un lanzador con forma de gaivota e chorros no chan que lanzan auga a diferentes alturas.
“Esperamos que a cidadanía de Narón, e tamén doutros concellos que se achegue ata Xuvia, desfrute ao máximo destas instalacións, respectando as normas para facelo coa máxima seguridade”, incidiu.