Xornada inaugural do III Congreso A memoria é diversa

Este venres 31 comezou no espazo de intervención cultural A Normal, da Universidade da Coruña, o III Congreso A memoria diversa, arredor da memoria LGTBIQA+ en Galicia, organizado pola Área de Lingua, Política de Igualdade e de Xénero e de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, dentro do seu programa ‘Liberdade de ser e de sentir’.

Foto Diputación de A Coruña

A debate en todos os relatorios, o tema do sexilio, que xa centrou as reflexións da mesa de presentación, ‘A memoria tamén é diversa’, na que participaron a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra; a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar, e o comisario do congreso, Marcos López.

Agra defendeu “a obriga da Deputación de se comprometer a apoiar e promover iniciativas para dar visibilidade, estudar e axudar a normalizar a vida das persoas que son discriminadas por razón da súa orientación sexual ou identidade de xénero”.

“Os sexilios”, afirmou a deputada, “seguen existindo hoxe en día”. “O camiño que ‘outres’ fixeron”, engadiu, “levounos a unha mellora impresionante nos dereitos das persoas do colectivo LGTBIQA+ nestes últimos anos, pero é moito máis fácil perdelos do que custou gañalos, por iso non debemos deixar que sigan medrando os discursos de odio e de rexeitamento á non heteronormatividade”.

“Non admito que ser libre para ser e sentir”, rematou, “sexa algo que haxa que ‘tolerar’: é un dereito, é xustiza social, e loitaremos para conseguilo para que ninguén teña  nunca que sexiliarse”.

Foto Diputación de A Coruña
Foto Diputación de A Coruña

Sandra López, da asociación de mulleres para a igualdade e visibilidade lésbica Les Coruña, presentou e moderou a segunda mesa, ‘O sexilio de Elisa e Marcela’, sobre «Elisa e Marcela», a proposta teatral que A Panadaría estreou en 2017 e se converteu nun dos fitos do teatro galego nos últimos anos, con 280 funcións por toda a península en máis dunha ducia de premios acadados.

Participaron no coloquio Gena Baamonde, autora do texto e directora da montaxe, e Alién Kendelman, cofundadora da compañía e creadora, actriz e compositora da música da obra.

Na segunda conversa, ‘A memoria de Eduardo Blanco Amor. A poesía do sexilio’, conducida por Eva Mejuto, autora do libro editado pola Deputación “Memoria diversa”, interviron o xornalista, poeta e editor Antón Lopo e o músico e escritor Éric Dopazo. A xornada rematou co proxección do vídeo da canción “Eduardita”, de Piratas sen parche.

Programa do sábado 1 de junio:

10.00 horasOs sexilios a través do tempo e dos espazos. Presentada e moderada por Xandre Garrido, da Asociación Avante LGBT+.

Sexilio e metronormatividade, con Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz, investigador e antropólogo.

O periplo de Teresita: sexiliadas galegas do primeiro terzo do século XX, con Daniela Ferrández, investigadora posdoutoral (USC) sobre a historia da disidencia sexual en Galiza.

De rusia a galiza: o sexilio hoxe, con Roman Efremov, refuxiado político ruso e activista LGBT.

13.00 horas. Inadaptacións, desvíos, extravíos, fugas e reencontros: autobiografía dunha paxara. Coa socióloga e escritora Fefa Vila. Presenta a música e poeta Lucía Aldao.

17.00 horas. Maricón perdido: marchar para ser. Con Bop Pop, xornalista, escritor e creador da serie “Maricón perdido”. Presenta Óscar Rodríguez, da Asociación ALAS A Coruña.

18.30 horas. Desafiando o esquecemento: abordando a ausencia de memoria de homes trans. Con Ares Piñeiro, sexólogo e secretario de Errespetuz, e Nee Barros, activista e ‘escritore’. Presenta e modera Max Suárez, da Asociación Arelas.

20.00 horasConcerto ‘Loita amada’, do grupo Tabernarios, formado por Marcelo Dobode e Víctor Movilla.

Lea también

Palo Santo do Camiño, uno de los mejores quesos mundo por los “World Cheese Award

Palo Santo, con su queso curado “Palo Santo do Camiño” de 12 meses, ha sido …