Segunda edición de «As Pontes Ecuestre»

“As Pontes Ecuestre” regresa ao calendario deportivo local cunha versión mellorada, a casa consistorial acollía o acto de presentación oficial, onde se avanzaban algunhas das principais novidades desta segunda edición.

No acto participaban a concelleira de Deportes e Turismo, Elena López Seco; o director do certame, Federico Pérez Lago; a presidenta do Club Hípico Prado Ventura, Natividad González Laso, e a súa técnica hípica, Noa García.

Promovido polo centro ecuestre pontés co apoio do Concello e da Federación, o evento celebrarase o domingo 9 de xuño na contorna do complexo do lago, e a expensas de pechar matrículas, este ano gratuítas para favorecer a participación, a organización confía en mellorar os rexistros de 2023.

Precisamente, unha das novidades pode converterse nun dos principais acicates para conseguilo. Así, o concurso de salto de obstáculos eleva a súa categoría, converténdose nunha proba de carácter autonómico, o que en termos hípicos se denomina Concurso de Saltos Territorial (CST), con maior poder de convocatoria.

Ademais, reeditaranse tamén as probas dos campionatos de andadura e de enganche, e apostarase pola celebración dun torneo triangular de horseball -baloncesto a cabalo-.

Trátase doutra das novidades da edición, unha disciplina moi espectacular e divertida para o público, que se disputa entre equipos de cinco xinetes e amazonas, con carácter mixto, como todas as probas hípicas nas que mulleres e homes compiten en condicións de absoluta igualdade.

Todas as competicións terán carácter exclusivamente federado, e serán xulgadas por oficiais habilitados pola Federación Hípica Galega.

Bautismos hípicos

Dirixidos ao público en xeral, e aos máis pequenos e pequenas da casa en particular, “As  Pontes Ecuestre” promoverá bautismos hípicos. Nun percorrido habilitado pola organización, nenos e maiores poderán iniciarse neste deporte coa axuda do equipo de Prado Ventura. A participación será de balde, con inscrición na mesma xornada do evento, en horario de tarde.

Nesta liña, Federico Pérez Lago destacou a gran tradición e afección polo mundo do cabalo nas Pontes, así como as magníficas condicións do complexo do lago para acoller este tipo de probas: “trátase dun marco ideal, tanto pola contorna como pola amplitude de espazos e a natureza do terreo, condicións que facilitan moito a loxística, seguridade e comodidade de participantes e público”.

Pola súa banda, a presidenta de Prado Ventura agradeceu o apoio brindado polo Concello das Pontes para facer posible o evento, así como a colaboración da Federación. Un evento que, engadiu, busca un dobre obxectivo: poñer en valor este deporte, e situar a As Pontes como un dos referentes hípicos en Galicia.

Noa García lembrou tamén que as matrículas nas diferentes probas continuarán abertas ata o 1 de xuño, así como que o trámite pode realizarse a través do teléfono 616 101 655. No caso da proba de andadura, xinetes e amazonas poderán anotarse tamén a pé de pista, unhas horas antes do seu inicio.

Pechando o acto, a concelleira de Turismo e Deportes, Elena López Seco, convidaba á cidadanía a achegarse ao complexo do lago e gozar do evento como público e mesmo participante, a través dos bautismos hípicos. Un evento, subliñou, no que o deporte volverá actuar de embaixador turístico da localidade.

09:00 H: Recepción de participantes
11:00-14:30 e de 15:30 a 17:00 H: Concurso de Saltos Territorial
11:00-14:30 e de 15:30 a 19:00 H: Campionato Galego de Andadura
17:00-19:00 H: Campionato Galego de Enganche
17:00-19:00 H: Torneo triangular Horseball
19:00 H: Entrega de premios e clausura

Lea también

Laura Aneiros, del Marina Ferrol, convocada por el Programa de Desarrollo de Entrenadores de Alto Nivel de la RFEN

      La entrenadora del equipo absoluto del Club Marina Ferrol, Laura Aneiros Dopico …