Narón inicia obras de acondicionamento nas avenidas do Mar en na rúa Otero Pedrayo

A rexedora local, Marián Ferreiro, destacou que se trata dunha intervención que mellorará a seguridade na zona.

O Concello de Narón iniciou os traballos correspondentes ao acondicionamento de beirarrúas e aparcamento nas avenidas do Mar e Castelao, na zona da Gándara

Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que informou que se trata dunha actuación licitada en algo máis de 191.000 euros e que o Consistorio enmarcou nas obras do Pos+ 2023.  Operarios da empresa adxudicataria da intervención iniciaron esta mesma mañá os traballos nun tramo da avenida Castelao, nas inmediacións do Centro Comercial Odeón. “Ordenar os aparcamentos e accesos a industrias e outros establecementos asentados nestas vías do polígono industrial da Gándara está tamén entre os obxectivos desta intervención, mellorando a seguridade”, recalcou a rexedora local.

A actuación proxectouse co fin de mellorar a seguridade viaria dos peóns, implicando a reforma da beirarrúa e mellora dos actuais espazos reservados para estacionamento nas citadas avenidas e tamén na rúa Otero Pedrayo. No caso da avenida Castelao, tal e como recordou Ferreiro, as obras acometeranse dende a rotonda de acceso ao centro comercial Odeón, con 5,80 metros de beiravía (entre beirarrúa e céspede) e actualmente sen espazo para aparcamento. Na avenida do Mar, indicou, actuarase entre as rotondas da avenida Castelao e rúa do Pavillón, cun carril de 6,40 metros de ancho con aparcamento en liña e unha beirarrúa e zona de céspede que ocupan 4,50 metros. En ambos casos “aproveitarase mellor o espazo existente, deseñando unha sección de calzada, aparcamento en liña e beirarrúa e tamén se mellorarán as canalizacións de servizos na zona”, apuntou. Finalmente, na rúa Otero Pedrayo realizaranse obras no aparcamento, cun pavimento actualmente moi deteriorado.

O prazo de execución dos traballos é de catro meses, tal e como figura no proxecto. “Unha vez rematados os traballos esta zona industrial, construída na década dos oitenta e que xa foi obxecto dalgunhas intervencións, quedará totalmente renovada e adaptada ás necesidades actuais dos traballadores e traballadoras de firmas asentadas na zona e tamén das persoas que a frecuentan, como conductores ou peóns”.

Lea también

Tega denuncia o bloqueo da oposición á proposta do goberno local de modificación da ordenanza de subvencións

Os tres grupos da oposición na corporación local naronesa, PP, BNG e PSOE, votaron na …